Esta semana, os Trasniños do Nadal do Concello de Poio están a levar a ilusión directamente aos coles do municipio. A súa visita serve para presentar a programación especial destas festas e anunciar o espectáculo que percorrerá todas as Aldeas de Nadal repartidas polo concello.
Nelson Quinteiro achegou a súa música ás escolas infantís de 0 a 3 anos e á unidade do Vao, mentres que Tere e Javi Solla enchéronlles as mañás de primaria de bailes, concursos e risas.
O mércores tocaron as portas do CEIP Isidora Riestra e Viñas, e este xoves continúan a súa ruta polos centros de Lourido, Chancelas e Espedregada.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, acompañaron ao alumnado, compartindo a experiencia festiva e contaxiando entusiasmo.
Durante os encontros, os nenos participaron activamente, coreografiaron, escoitaron as cancións do momento e recibiron “pases de ouro” para desfrutar dos espectáculos do Nadal en primeira fila na carpa Poio Máxico e saudar aos Reis Magos sen agardar.
Os Elfos do Nadal serán os encargados de guiar aos visitantes polas sete Aldeas de Nadal de Poio.
A xornada arrinca o luns 22 de decembro na Aldea do Adro, en San Salvador, un espazo cheo de encanto e tradición. Ao día seguinte, martes 23, a celebración trasladarase á Aldea da Granxa, en Campelo, para continuar cos preparativos e agasallos típicos destas datas.
Xa no sábado 27, a Aldea da Vila abrirá as súas portas no Porto de Raxó, seguida o domingo 28 pola Aldea das Badaladas, que ocupará a contorna da igrexa de San Martiño, enchendo o lugar de música e cor. O luns 29, a Aldea dos Patos instalarase en Lourido, no parque Costa Xiráldez, antes de que o mércores 31 a Aldea das Palleiras transforme Combarro, desde a Praza da Chousa, nun lugar de encontro e diversión. Finalmente, o venres 1 de xaneiro, a Aldea dos Muíños despedirá as festas na fermosa contorna dos muíños de Samieira.