Segundo os datos de MeteoGalicia, a comunidade quedará transitoriamente baixo a influencia das altas presións, así que comezaremos o día do venres con ceos nubrados e algunha precipitación illada e co avance da xornada iranse abrindo grandes claros.
As temperaturas non experimentarán cambios significativos, cunha mínima de 12 graos e unha máxima de 17 graos tanto na zona de Pontevedra como na de Vigo. O vento soprará frouxo do suroeste, aumentando en intensidade á noite no litoral atlántico.
Para a fin de semana atopámonos con ceos cubertos durante a mañá do sábado, e con chuvias máis persistentes na metade oeste. A partir do mediodía non se agardan precipitacións aínda que predominarán as nubes baixas. As temperaturas non experimentarán cambios significativos, cunha mínima de 11 graos e unha máxima de 17 graos. O vento soprará moderado de compoñente sur.
O domingo quedaremos na influencia dun anticiclón centrado no interior do continente europeo que bloqueará transitoriamente a entrada dunha nova fronte ao oeste da comunidade. Teremos así un día de tempo seco e de ceos pouco nubrados, con nubes de tipo medio e alto. As temperaturas seguirán sen cambios significativos, con mínimas de 9 graos e máximas de 15 graos. Os ventos soprarán do sur fortes no litoral.
A vindeira semana Galicia irá quedando en influencia anticiclónica, con baixa probabilidade de precipitación en xeral. Aínda así, para o martes agárdase o paso dunha fronte pouco activa que deixará alta probabilidade de precipitacións. As temperaturas serán as propias da época do ano, nos vindeiros días con máis oscilación térmica entre o día e a noite.