Ata sete persoas tiveron que ser atendidas na madrugada deste venres polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 debido a un incendio declarado nunha vivenda de Caldas de Reis.
Segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, un particular deu a voz de alarma minutos antes das 5.00 horas da madrugada, alertando que estaba a arder unha habitación nun piso situado na rúa Fermín García.
Enseguida foron avisados da situación, ademais do 061, Bombeiros do Salnés, Garda Civil de Pontevedra e ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Caldas e de Cuntis, e máis tarde tamén o GES e Servizo Municipal de Protección Civil da Estrada.
O lume, confirmaron membros de Protección Civil de Cuntis, afectaba o ático do edificio, o que obrigou ao desaloxo completo do bloque.
Os Bombeiros do Salnés explicaron pola súa banda tras lograr extinguir o incendio que arderan por completo tres habitacións da vivenda, e tamén se derrubaron varias placas do teito. O resto do inmoble quedou afectado polo fume.
Os servizos sanitarios tiveron que trasladar tres persoas ata o centro de saúde da localidade, mentres que outras catro foron atendidas no lugar, entre elas tres bombeiros que participaron no dispositivo de extinción.