Éxito "sobresaliente". É o cualificativo que lle pon o alcalde de Poio, Ángel Moldes, á Festa do Mar, que este domingo dá os últimos pasos en Combarro, pechando catro días de gastronomía, música e cultura mariñeira nos que a participación foi "impresionante" en todas as actividades.
O Concello de Poio amosa a súa "satisfacción" polo "éxito" desta edición, que, para Ángel Moldes, reafirma a posta do Goberno local "por recuperar a súa orixe, a tradición e identidades mariñeiras".
Moldes bota a vista atrás, á edición 2023, a súa primeira Festa do Mar como alcalde, e lembra que recuperaron "a esencia desta festa" e ampliaron as propostas para que máis as persoas se animen a participar nela. "Co éxito desta edición, demóstrase que era o que os veciños, o sector e Combarro necesitaban e demandaban", sinala.
Así, destacou que deseñaron unha programación "ampla, atractiva e de calidade", e pensada para todos os públicos e destacou propostas "moi potentes" que levaron ata Combarro a milleiros de persoas.
"Independentemente das súas preferencias, todas atoparon na Festa do Mar programación adaptada ao seu gusto", sinalou Moldes, moi agradecido coa participación de colectivos e veciños que colaboraron coa festa porque "este éxito é seu".
Entre outros exemplos, sinalou que a Praza da Chousa quedou pequena en cada un dos concertos organizados: o musical Camiñantes e Cantantes, Broken Peach, The Rapants e a Gala da Festa do Mar. Esta última cita, na noite deste sábado, incluíu as actuacións de Soraya e Bombai, que foron "un éxito rotundo".
O alcalde pon en valor tamén que a Festa do Mar supuxo un "pulo importante" para o sector turístico e o desenvolvemento socioeconómico do municipio.
O Concello, como "aliado para o sector e non unha competencia", trasladou a parte gastronómica da programación para os restaurantes e tabernas, o que permitiu aos visitantes comprobar a calidade do produto e dos locais no municipio. E as foodtrucks da Consellería de Mar, Galicia sabe Amar, volveron rexistrar cifras récord, co reparto de máis de 1.600 petiscos diarios.