Un accidente frontal en Cuntis deixa dous condutores feridos

Umia
08 de novembro 2023

Sucedía arredor das 13.45 horas deste mércores no lugar de Hervés da parroquia de Troáns. Segundo informa o servizo de Emerxencias de Cuntis, o condutor da furgoneta perdeu o control do vehículo e impactou frontalmente contra o turismo. Os dous feridos foron trasladados en ambulancia ao Hospital QuirónSalud de Pontevedra

Impacto frontal entre a furgoneta e o turismo no lugar de Hervés Emerxencias de Cuntis

Dous vehículos impactaban frontalmente durante as primeiras horas da tarde deste mércores 8 de novembro no lugar de Hervés, na parroquia de Troáns do municipio de Cuntis.

Ata o lugar desprazábanse os servizos de Emerxencias de Cuntis e atopábanse cos dous condutores, únicos ocupantes dos vehículos, con diferentes feridas provocadas polo brutal impacto.

Segundo Emerxencias, o condutor do Citroën, un home de 37 anos presentaba feridas na cara, ademais de dor no peito e no costado. O condutor da furgoneta queixábase principalmente de dor nas cervicais.

Ambos saíron polo seu propio pé dos vehículos e foron trasladados en ambulancia ao Hospital QuirónSalud de Pontevedra para someterse a unha exploración médica.

Segundo as mesmas fontes, o condutor da furgoneta indicaba que perdera o control do vehículo, por causas que se investigan, cando tentou frear e terminou golpeando ao turismo. 

O accidente producíase á saída dunha curva e o firme estaba mollado debido ás persistentes chuvias desta xornada.