Un campamento multideporte cun marcado carácter social

Pontevedra
02 de xuño 2015

Por quinto ano consecutivo, o ximnasio Suh Sport organiza un campamento multideporte nas instalacións que o Casino Mercantil ten en Mourente. Trátase dun programa para os meses de verán na que nenos de 4 a 15 anos participan en actividades relacionadas coa natureza, os deportes, a aventura ou o entretemento. Pero por primeira vez, haberá prazas reservadas para menores en risco de exclusión

Presentación do campamento multideporte do ximnasio Suh no Casino Mercantil
Presentación do campamento multideporte do ximnasio Suh no Casino Mercantil / PontevedraViva

Por quinto ano consecutivo, o ximnasio Suh Sport organiza un campamento multideporte nas instalacións que o Casino Mercantil ten en Mourente. Trátase dun programa para os meses de verán na que nenos de 4 a 15 anos participan en actividades relacionadas coa natureza, os deportes, a aventura ou o entretemento. Pero por primeira vez, haberá prazas reservadas para menores en risco de exclusión.

Serán vinte por mes e os nenos subvencionados serán seleccionados por Benestar Social, primando aos fillos de vítimas de violencia de xénero e aos participantes do programa de atención familiar que xestiona a asociación Meniños. Son, segundo Carmen Fouces, "rapaces que teñen dificultades para acceder a este tipo de campamentos", especialmente pola complexa situación económica das súas respectivas familias.

Para todos eles, o campamento será gratis e tamén terán cuberto o seguro por accidentes e o xantar.

A inscrición, para o resto de nenos, custa 150 euros ao mes -125 se son socios do Casino- e haberá descontos para familias.

Neste campamento, haberá actividades relacionadas con fútbol, squash, patinaxe, balonmán, pádel, tenis de mesa, golf, baloncesto, piscina, tenis ou bádminton, así como rutas de sendeirismo e en bicicleta.

Os interesados poden apuntarse no ximnasio Suh Sport (cale Mestre Soutullo, 8), na sede do Casino Mercantil en Curros Enríquez ou no email [email protected].