Un estudo de arquitectura catalán deseñará o skatepark do campus

Pontevedra
05 de decembro 2017

Esta compañía deseñou o skatepark de Badalona, todo un referente a nivel nacional. Aos seus responsables, que xa visitaron a parcela na que se situará o de Pontevedra, encargóuselles un espazo orientado ao skate e ao BMX e que sexa "válido" para a organización de competicións nacionais e internacionais

Alberto Oubiña, concelleiro do BNG en Pontevedra
Alberto Oubiña, concelleiro do BNG en Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno municipal confía en que o skatepark que se construirá á entrada do campus universitario estea "en marcha" ao longo de 2018. Para iso, o Concello contratou á empresa catalá DAW Office, arquitectos especializados neste tipo de equipamento, para que deseñe o proxecto.

O edil Alberto Oubiña explicou que esta compañía deseñou o skatepark de Badalona, todo un referente a nivel nacional. Aos seus responsables, que xa visitaron a parcela na que se situará o de Pontevedra, encargóuselles un espazo orientado ao skate e ao BMX e que sexa "válido" para a organización de competicións nacionais e internacionais.

O Concello quere que sexa un "gran centro de skate" ao que poida achegarse a "flor e nata" destas disciplinas deportivas. "Consideramos que é o momento para levar adiante esta actuación", segundo destacou Oubiña.

O proxecto terá en conta cuestiones como a accesibilidade da parcela, a iluminación, a vexetación e o mobiliario urbano, que quedarán "perfectamente integrados" co espazo que ocupará este skatepark.

A parcela é propiedade da Universidade de Vigo, polo que o goberno municipal estuda a fórmula máis adecuada, probablemente vía convenio, para poder xestionar esta instalación deportiva, que conta co apoio da asociación de skaters da cidade.

Esta iniciativa conta cun orzamento próximo aos 300.000 euros, aos que hai que sumar os 20.000 euros que cobrará a empresa DAW Office no deseño do proxecto. 

Ademais, Alberto Oubiña destacou que, tras un inicio "tortuoso", o skatepark provisional de Mollavao está a funcionar no medio dun "bo ambiente" e está a ser utilizado por numerosos mozos e mozas de Pontevedra e outros municipios da comarca.