Un "nariz electrónico" que detecta incendios de maneira precoz grazas á intelixencia artificial foi o proxecto que recibiu o premio á innovación forestal convocado por Ence e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Este sistema, desenvolvido pola compañía Wildfire Sentinel, con sede en Marín, utiliza sensores avanzados para desenvolver un "nariz electrónico" que detecta o cheiro característico dun incendio forestal nas súas primeiras fases, segundo os seus responsables.
O conselleiro delegado da compañía, Jorge Cagiao, recibiu este martes en Pontevedra este galardón, consistente nunha escultura en madeira de batea creada polo artista Moisés Iglesias e nunha dotación económica de 5.000 euros.
Nesta mesma categoría de mellor iniciativa empresarial, a plataforma Pico Sacro, impulsada desde Santiago de Compostela por Óscar e Daniel Sebio, obtivo un accésit por deseñar un sistema para a estimación de datos forestais a partir de fontes de datos de libre acceso.
O premio na categoría de mellor traballo de investigación, dotado con 3.000 euros, foi para a investigadora da Universidade de Vigo Antía Iglesias, polo estudo "Ecosistemas gráficos: unha aproximación á potencialidade artística do residuo vexetal exótico-invasor".
O accésit foi para a tese de Cecilia Alonso, da Universidade de Santiago, "Estimación de biomasa e características estruturais do combustible en comunidades de matogueira desarbolada e piñeirais en Galicia a partir de escáner láser terrestre, láser aéreo e inventario de campo".
Durante a cerimonia de entrega, o presidente da entidade cameral, José García Costas, destacou a contribución deste premio "para fomentar a innovación no sector forestal", na que Galicia é a novena potencia europea e líder sectorial a nivel nacional.
Esta actividade, lembrou, achega o 1,9% do PIB galego, con 3.000 empresas que supoñen "cerca do 12% do emprego industrial da nosa comunidade", segundo García Costas.