A operación "Straperlo", levada a cabo o pasado 20 de agosto de maneira conxunta pola Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Ourense, a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense e GRECO Galicia da Policía Nacional, permitiu desarticular unha organización criminal conformada na súa maioría por persoas do leste de Europa e especializada na fabricación clandestina de cigarros.
Foron detidas 25 persoas de Romanía (2), Ucraína (19), Moldavia (3) e Portugal (1) como presuntos autores de delitos de contrabando, pertenza a organización criminal, contra a saúde pública e a propiedade intelectual.
Aínda que a base do operativo desenvolveuse na provincia de Ourense, a operación policial chegou tamén á cidade de Pontevedra. Na capital pontevedresa produciuse a detención dun dos responsables da organización.
O amplo dispositivo despregado polas forzas da orde, con máis de 80 axentes, rexistrou tamén unha nave industrial en Coles, Ourense, que servían de instalacións principais para a fabricación de tabaco. Alí foron detidas 21 persoas, a maioría de nacionalidade ucraína e moldava, atopándose materia prima e paquetes de tabaco ilegais da marca Marlboro.
Tamén foi rexistrada outra nave na Porteliña, no municipio de Ponteareas, onde se gardaba unha importante cantidade de materia prima para a elaboración de tabaco, e unha terceira en Valladolid.
O operativo completouse cos rexistros en domicilios particulares de Pontevedra e Ourense.
As investigacións comezaron a principios de 2020 co coñecemento de que persoas de nacionalidade romanesa e portuguesa alugarían naves de grandes dimensións co obxecto de establecer unha estrutura estable para a fabricación ilegal en grandes cantidades de tabaco sen control fiscal nin sanitario.
A organización, explica a Delegación do Goberno en Galicia, atopábase xa en fase de produción, unha vez finalizado en xuño deste ano toda a montaxe das instalacións de fabricación de cigarros.
A mercadoría intervida rolda as 150 toneladas entre folla e picadura de tabaco e 250.000 cigarros da marca Marlboro, tendo unha valoración próxima aos 21 millóns de euros.