Unha rehabilitación integral para ennobrecer a "traza mariñeira" de Os Cunchidos (Lourizán)

Pontevedra
21 de febreiro 2014

O Concello de Pontevedra sacará a contratación nas próximas semanas a rehabilitación integral do lugar dos Cunchidos, na parroquia de Lourizán. Investiranse 38.700 euros en obras de mellora no barrio do Pexegueiro. Segundo explicou o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez Junquera, os traballos permitirán ennobrecer unha das poucas zonas da cidade que "aínda conserva a súa traza mariñeira"

Unha das zonas dos Cunchidos que se reformarán con estas obras
Unha das zonas dos Cunchidos que se reformarán con estas obras / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra sacará a contratación nas próximas semanas a rehabilitación integral do lugar dos Cunchidos, na parroquia de Lourizán. Investiranse 38.700 euros en obras de mellora no barrio do Pexegueiro. Segundo explicou o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez Junquera, os traballos permitirán ennobrecer unha das poucas zonas da cidade que "aínda conserva a súa traza mariñeira".

En concreto, as obras permitirán a eliminación de barreiras, actuacións en materia de accesibilidade ou a mellora de pavimentos e canalizacións de pluviais, entre outros.

Os traballos comezarán cun zafarrancho de limpeza en todo o barrio do Pexegueiro. Tamén se eliminarán barreiras arquitectónicas suavizando as duras pendentes co cambio de firmes, mellora de ramplas e colocacións de pasamáns para facilitar o tránsito peonil do barrio, especialmente para a poboación de máis idade.

Tamén está previsto actuar nas conducións da auga, que están escavadas na pedra. Cubriranse con rexas e selaranse ben para que a auga non entre nas casas, pero permitindo que siga penetrando en ditas conducións a auga da chuvia.

Os firmes máis deteriorados ou os que están en terra substituiranse por formigón, enmarcado en lastro cada dous metros. Nas zonas que está mellor, encintarase. Nun lugar concreto da actuación, empregarase unha resina nova baixo a rúa para garantir a estabilidade de dúas vivendas que teñen comprometida a súa cimentación.

Para afrontar esas obras os servizos técnicos tiveron que superar numerosas dificultades polas características das rúas deste barrio. Está previsto facer todos os traballos á man, dado que as rúas son moi estreitas e todas peonís, o que impide o paso das máquinas.