A tromba de auga que caeu nas Rías Baixas entorno ás 13.00 horas deixou pegada, en especial, en Vilagarcía de Arousa. En tan só un cuarto de hora deixou rúas, baixos e un colexio anegados na localidade.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia-112 recibiu nese intervalo dúas chamadas. A primeira facía referencia a unha arqueta que se atascou na avenida da Marina e que xerou unha inundación na calzada.
A continuación, os propietarios de varios locais situados nos baixos dos edificios da zona de Jacinto López e Agustín Romero solicitaron asistencia porque varios sumidoiros se atascaron e empezou a entrarlles auga nos locais.
Ademais, o caudal do río do Con empezou a subir de forma preocupante e dende o colexio Cotarelo Valedor de Vilaxoán alertaron a Protección Civil de Vilagarcía por máis problemas de anegamentos.
O 112 tamén recibiu avisos por varias incidencias relativas á caída de árbores en municipios do rural. Arredor das 15.15 horas, produciuse unha alerta pola caída dun poste de telefonía en Ponte Caldelas.