A Confederación Galega de asociacións veciñais Rosalía de Castro, a Federación de asociacións de veciños Castelao e a asociación de veciños O Chedeiro de Cerponzóns unirán forzas esta semana contra a violencia machista.
Será nun acto organizado o vindeiro venres, 12 de decembro, ás 19:00 horas no centro social de Cerponzóns, situado no lugar de Pidre.
Durante o acto intervirán unha profesional da psicoloxía e integrantes da Unidade de Familia e Muller (UFAM) e da área de participación cidadá da Comisaría Provincial da Policía Nacional de Policía.
As especialistas achegarán a súa experiencia e coñecemento para "comprender mellor este problema e saber como actuar ante el".
Segundo sinala O Chedeiro, trátase dun acto pensado para unir voces, sensibilizar e reforzar o compromiso colectivo fronte a "unha das maiores lacras sociais".
O acto leva por lema 'Xuntos contra a violencia de xénero' e organízase "por todo o camiño que nos queda por percorrer".
As asociacións convocantes convidan a toda a veciñanza a participar no encontro, no que as tres entidades "unen esforzos para promover unha sociedade máis xusta, segura e igualitaria".
Desde O Chedeiro destacan que "queremos contar coa veciñanza, porque sen a forza colectiva, non hai cambio posible".
O acto está subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade e conta coa colaboración da Policía Nacional, o Concello de Pontevedra, a CEAV e a Garda Civil.