O Concello de Soutomaior conmemorou o Día das e dos Usuarios das Bibliotecas este 11 de xaneiro coa entrega de premios ás persoas que máis préstamos realizaron no ano 2024.
A biblioteca municipal Luis Seoane de Soutomaior celebrou o venres, por vez primeira, este día. Fíxoo agasallando ás persoas máis lectoras nas súas respectivas categorías.
O alcalde, Manu Lourenzo, e a consclleira de Cultura, Silvia Cernadas, entregaron os premios.
Na categoría de adultos, a premiada foi Rosalía Otero Couñago cun total de 89 préstamos e, na categoría infantil e xuvenil, Noel Castro, cun total de 377 préstamos.
O premio na modalidade infantil-xuvenil consistiu nun lote de xogos de mesa e papelería e, na modalidade de adultos, nunha cesta de produtos locais elaborados en Soutomaior. Ademais, ambas persoas premiadas levaron unha lámina da artista local Alba Troiteiro.
A Consellería de Cultura deu a coñecer un estudo no que Soutomaior aparece coma o décimo concello de Galicia con maior número de préstamos: un total de 1.500 por cada 1.000 habitantes.
Soutomaior ten unha relación de 4.629 documentos na biblioteca municipal por cada 1.000 habitantes (cun total de máis de 35.000 volumes) e 67 adquisicións por cada 1.000 habitantes.
O 43,94% da poboación do concello está inscrita na biblioteca (hai 3.500 persoas usuarias), porcentaxe que vai subindo de forma significativa, estando xa entre o grupo de concellos con maior porcentaxe de persoas inscritas.
Só en 69 concellos galegos as bibliotecas abren máis de 260 días ao ano, o que equivale a cinco días á semana (sen contar festivos e vacacións). En Soutomaior, abre 264 días.
Silvia Cernadas quixo agradecer a implicación dos veciños e das veciñas de Soutomaior e do persoal da biblioteca municipal e do concello que fan posible que a biblioteca sexa un centro cultural de referencia polo número de visitas, préstamos, subvencións e premios acadados.