Vaipolorío retira árbores caídas do sendeiro rural do Gafos

Pontevedra
11 de maio 2024

Con esta iniciativa Vaipolorío pretendía facer practicable o sendeiro na súa totalidade e facilitar o paseo dos usuarios, minimizando os efectos que se rexistran durante a época de choivas no outono e no inverno con inundacións debido á crecida do río

Retirada de árbores caídas no sendeiro do río Gafos en Tomeza Vaipolorío

Vaipolorío organizou este sábado unha nova xornada de limpeza no Gafos aínda que, nesta ocasión, non foi lixo e residuos o que os voluntarios desta asociación ambiental sacaron do leito do río.

O obxectivo desta nova acción era retirar árbores caídas sobre o sendeiro que hai no tramo rural do río, en Tomeza.

Varias persoas, motoserra en man, foron as encargadas de cortar as árbores caídas para posteriormente poder retirar a madeira do camiño.

Con esta iniciativa Vaipolorío pretendía facer practicable o sendeiro na súa totalidade e facilitar o paseo dos usuarios, minimizando os efectos que se rexistran durante a época de choivas no outono e no inverno con inundacións debido á crecida do río.