Un total de 96 aparellos de pesca e 95 quilos de peixe e marisco. ÿ o que foi decomisado polos axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia durante varios operativos de loita contra o furtivismo realizados na última semana na Ría de Arousa.
A Consellería do Medio Rural e do Mar indicou que nos últimos días se incautaron preto de 200 aparellos de pesca e comisaron case 250 quilos de diversas especies en distintos operativos realizados polo litoral galego.
No caso de Arousa, os gardacostas desenvolveron varios operativos. A actuación máis importante foi a que se realizou o xoves 18 de outubro. Requisáronse 86 dos 96 aparellos de pesca totais dos operativos realizados.
En concreto, tratouse de 86 nasas de polbo. Nese mesmo operativo requisáronse 10 quilos de nécora e conguito do total de 95 quilos intervidos na Ría de Arousa en toda a semana.