Veciños de Lepanto reparan a rúa e decláranse "república independente" ante o abandono do Concello

Pontevedra
18 de outubro 2018

Este xoves instalaron cintas antiescorregantes nunha arqueta. Eduardo Barros, como voceiro veciñal, manifestaba que o concelleiro de Obras Demetrio Gómez aínda non contestou ao escrito enviado en agosto onde os afectados pedían datos sobre o inicio da reforma desta rúa 

Veciños de Lepanto poñen cinta antiescorregante nunha arqueta / PontevedraViva

Cunhas tiras antiescorregantes, os veciños de Lepanto iniciaron a súa campaña de arranxos da rúa Lepanto. Este xoves un grupo de residentes nesta zona decidía instalar estas tiras nunha arqueta para evitar esvaróns dos veciños. "Xa caeron varios", afirman. É unha das imaxes do abandono que denuncian.

Eduardo Barros, portavoz destes residentes, sinala que levarán a cabo novas accións coa instalación de lanternas e candeas para iluminar a rúa porque as lámpadas led de primeira xeración desta zona contan con pouca potencia e, polas noites, a rúa atópase moi escuraIndica tamén que as beirarrúas son tan estreitas que apenas poden coincidir dous peóns por elas e que son pouco accesibles para persoas con dificultades de mobilidade.

Estes afectados, que se atopaban acompañados polo concelleiro do Partido Popular José Luis Martín, apuntaban que remitiron un escrito ao concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, no mes de agosto para solicitarlle unha reunión na que lles explicase cando se vai a acometer a reforma prometida desta rúa. Non recibiron resposta. Denuncian que a súa reclamación histórica non é atendida mentres outras rúas próximas son reformadas con frecuencia.

Ante esta situación van declararse "república independente de la calle Lepanto", ironiza Eduardo Barros, que anuncia que entre as próximas obras tamén se sinalizará unha caixa de rexistro do gas que causa golpes aos viandantes e instalarán táboas de madeira e valos para que os veciños poidan moverse con menor dificultade por esta contorna.

En próximas reunións veciñais anuncian que para continuar con esta campaña de protesta crearán unha caixa de recadación, que lles permita seguir realizando pequenas obras que melloren esta rúa.

"Tenemos que arreglar lo que el gobierno local no arregla", conclúe Barros.