Un veleiro de 29 metros de eslora, intervido nunha operación de narcotráfico e custodiado na Escola Naval de Marín, saíu a poxa por un prezo de saída de 180.000 euros.
As poxas por esta embarcación, fabricada en 2005 polo estaleiro ucraíno Liman JSC, pódense presentar até o próximo 16 de xullo.
Este veleiro, bautizado co nome de "Tambo", anteriormente era coñecido no rexistro marítimo internacional como "WK London" e orixinalmente como "Anna".
É unha embarcación singular de tipo ketch "custom", fabricada con casco de aceiro naval de alta resistencia e superestructura de aluminio.
Cunhas dimensións de 28,9 metros de eslora, 8 metros de manga e 3,60 metros de calado, a unidade conta con certificación de categoría CE clase A oceánica, estando plenamente capacitada para navegacións de altura.
Dispón dunha planta propulsora robusta baseada nun motor diésel Caterpillar 3196 de 490 HP, dous grupos electróxenos Cummins Onan e equipamento avanzado de manobra hidráulica da firma Harken.
O seu interior destaca por uns acabados de gran calidade e unha versátil habitabilidade que integra un amplo salón principal, ponte de mando protexido, zona de descanso con bar e un total de oito sollados adaptados con baño independente.

Para os interesados en ver o seu estado haberá unha visita presencial o xoves 2 de xullo na Escola Naval Militar de Marín, onde o iate está custodiado e á boia.
Esta poxa, que xestiona o portal especializado Escrapalia, está impulsada polo Ministerio de Sanidade, a través da Delegación do Goberno para o Plan Nacional Sobre Drogas, organismo que xestiona os bens incautados ao narcotráfico.
Todo o diñeiro recadado polo fondo de bens comisados destinarase a reverter na sociedade os danos ocasionados á mesma polas drogodependencias e o narcotráfico.
Así, fináncianse programas de prevención de toxicomanías, a asistencia a drogodependentes ou iniciativas para a súa inserción social e laboral.