Viascón celebrará este sábado a súa Feira de Abril tras adiala polo mal tempo

Cerdedo Cotobade
08 de xuño 2026

O alcalde e a comisión de festas confirmaron que a nova data do evento será o sábado 13 de xuño. Desenvolverase no campo de fútbol e manterá o programa previsto

Feria de abril de Viascón
Feria de abril de Viascón /

Viascón celebrará a súa Feira de Abril o vindeiro sábado 13 de xuño tras ser aprazada debido ás previsións meteorolóxicas adversas.

O alcalde, Jorge Cubela, e a comisión de festas confirmaron a nova convocatoria deste evento, que se desenvolverá no campo de fútbol e manterá o programa previsto.

"Despois da decepción que supuxo ter que aprazar a feira por causas alleas á organización, é unha gran satisfacción poder confirmar esta nova data para que veciños e visitantes poidan gozar dunha celebración que xa forma parte do calendario festivo e social da parroquia", asegurou o rexedor.

Ás 10:00 horas arrincará cunha ruta cabalar desde a igrexa de Viascón até o recinto festivo, seguida dunha actuación de sevillanas que terá lugar antes da comida popular, prevista para as 14:00 horas.

Durante a tarde, o programa incluirá unha xincana a cabalo (16:00 horas) e un concurso de touro mecánico (17:00 horas), ademais da entrega de premios tanto ás competicións como ao mellor vestiario da xornada. Tamén haberá unha exhibición de estilo Golega e colchóns para os máis pequenos.

A celebración continuará cunha cea a partir das 21:00 horas e unha verbena amenizada polo Disco Móbil Deluxe.

Cubela subliñou a importancia deste tipo de citas para o municipio, ao considerar que contribúen a dinamizar as parroquias, fortalecer o tecido asociativo e atraer visitantes.

A Feira de Abril de Viascón está organizada pola comisión de festas coa colaboración do Concello de Cerdedo Cotobade, que anima a sumarse a esta celebración recuperada tras o seu adiamento.