VÍDEO.- A ponte da Barca ofrecerá nova imaxe antes de 2019

Pontevedra
31 de agosto 2018

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, acompañados polos alcaldes de Pontevedra e Poio realizaron este venres unha visita ás obras que xa se están a acometer coa retirada da marquesina. O investimento para a reforma acada os 1,2 millóns de euros

Obras de reforma da ponte da Barca / Xunta de Galicia

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a conselleira de  Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitaban neste último día de agosto as obras da ponte da Barca, que se iniciaban o pasado 8 de agosto. Á visita tamén asistiron, entre outras autoridades, os alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano  Sobral que lembraron a importancia que ten a reforma desta infraestrutura que une os dous municipios. Ambos indicaron que había problemas de seguridade, sobre todo cando se rexistraban temporais. 

A Xunta de Galicia investirá 1.222.000 de euros nestes traballos de mellora, que finalizarán antes de que termine 2018. Durante estes días, os operarios están a retirar a marquesiña da marxe dereita, en dirección a Poio. Tamén se están instalando as estadas no arco da ponte, na zona de Pontevedra. Esta montaxe manterase ao redor de 15 días. Segundo indicaba o director da obra será necesario ao longo dos próximos meses levar a cabo cortes temporais de tráfico, sempre en horario nocturno a partir das 23.00 horas, que afectarán á circulación rodada na avenida das Corbaceiras e tamén á AP-9, con limitación na utilización dos carrís. En todo caso, sinalou a conselleira Ethel Vázquez, ofreceranse sempre alternativas para o paso dos vehículos e reduciranse ao mínimo as incidencias no tráfico.

Estas obras acométense despois de que levase a cabo un traballo de inspección en profundidade da estrutura, a través dunha exploración realizada con drons. Está previsto canalizar augas, reparar gretas e construír unha nova estrutura de madeira, con tratamento protector que evite a acumulación de auga e con cuberta de aluminio, que a converterá en máis duradeira. A responsable de Infraestruturas tamén confirmou o cambio de iluminación, coa instalación de proxectores led que mellorarán esteticamente a imaxe da ponte.

A conselleira insistiu en que se está traballando segundo o ritmo previsto. Alfonso Rueda, pola súa banda, lembrou que esta intervención súmase a outros proxectos que se están acometendo en Pontevedra por parte da administración autonómica coa Variante de Alba, pendente do acordo co Ministerio de Fomento; a construción do Gran Montecelo; a reforma da estación de autobuses; o novo edificio xudicial da Parda e a reforma do antigo edificio da Xunta  en  Benito Corbal. Todos estes proxectos suman máis de 200 millóns de euros, lembrou o vicepresidente da Xunta.