O audiovisual da campaña turística "Cando volves?", da Deputación de Pontevedra, acaba de ser seleccionada por primeira vez na historia como finalista no Japan World’s Tourism Film Festival.
O vídeo foi presentado este mes para atraer visitantes especialmente ao interior da provincia de Pontevedra.
Esta peza audiovisual elaborada por Esmerarte foi escollida entre máis de 1.100 candidaturas procedentes de todo o mundo tras recibir unha alta puntuación por parte do xurado e, agora, será considerada á hora de recibir algún premio potencial.
"Cando volves?", é unha das preto de 60 candidaturas seleccionadas dentro da categoría internacional do festival xaponés, un dos que forman parte do Comité International des Festivals du Film Touristique.
O ano pasado o audiovisual da campaña 100% Rías Baixas conseguiu, no marco deste circuíto, recoñecementos por parte do Terres Travel Festival de Tortosa (medalla de prata ao mellor spot turístico) ou nos premios Cannes Corporate Media & TV (onde conseguiu ser finalista).
"Cando volves?" é unha pequena película na que os lugares do interior da provincia teñen todo o protagonismo, dentro dunha campaña onde tamén se fala da hospitalidade e o carácter acolledor da xente da provincia.
A Deputación escolleu este ano o interior de Pontevedra debido a que "queda moito da provincia por descubrir", para así convidar á xente a achegarse a el en diferentes ocasións ao longo de todo o ano, tendo tamén en conta que a desestacionalización é un dos obxectivos principais do destino.