VÍDEO.- E ao final, Radio Gominola, tivo un recoñecemento veciñal

Pontevedra
30 de maio 2020

Coa entrada na fase dúas da  desescalada, Radio Gominola, é dicir Rafa Córdoba e as súas fillas, puxeron fin aos momentos de  amenización diarios desde a súa xanela. Os veciños déronlles unha sorpresa de agradecemento

Rafa Córdoba emociónase ante o agradecemento dos seus veciños /

Durante dous meses, cada día, a xanela da vivenda de Rafa Córdoba na rúa Estrada abríase despois das oito da tarde para tratar de aliviar o confinamento con música e con cancións dedicadas que lles facían chegar os veciños. El e dúas das súas fillas, Vitoria e Laura, botaron man de enxeño e optimismo, para achegar o seu gran de area fronte ao excepcional panorama.

A súa iniciativa calou entre a veciñanza, que xa naqueles momomentos fixéronlles chegar os seus agradecementos; e mesmo algún día ata a Policía Local fixo soar as sirenas ao seu paso pola rúa. Co anuncio do cambio á fase 2, Rafa expúxolles ás súas fillas que Radio Gominola "xa non ía encaixar no ecosistema dos veciños", así que o último día ofreceron unha sesión moi especial de despedida.

E algo inesperado sucedía o pasado sábado. Rafa fora a visitar á súa nai, cuxa vivenda dispón dun espazo aberto. Dado que xa estaban permitidas reunións de ata quince persoas, unha representación dos seus veciños déronlle unha "supersorpresa" e apareceron alí para darlle as grazas persoalmente e entregarlle un agasallo de recordo: "quedei moi flipado como din agora os mozos", flipado e emocionado. Córdoba Muiños ratificou unha das súas máximas como profesor: a base da aprendizaxe é a emoción.

No imprevisto encontro puido poñer cara a algúns veciños, entre comiñas o de poñer cara, porque as máscaras inevitablemente puxéronllo algo complicado, como complicado, por non dicir imposible foi evitar a "derrama emocional" ao recibir a boneca fofucha que lle regalaron e que o representa a el: "co pelo desarreglado que levo eu, a miña calamidade de vestiario, as miñas zapatillas con cordóns desabrochados, o megáfono...", se autodescribe Rafa.

As situacións difíciles sacan o mellor e o peor do ser humano; neste caso toca falar e deixar constancia da primeira parte.