Nas circunstancias habituais, rotas polo estado de alarma, o tramo da rúa Peregrina entre a propia praza e a confluencia con Daniel de la Sota, é unha das rúas do centro pontevedrés con contínua trasfega de persoas, de actividades comerciais e profesionais. É agora cando a situación tórnase, e a 'vida' a este céntrico emprazamento, achégana os seus escasos residentes.
Non son moitos os veciños, pero hai quen cada día están a encargarse de darlle un engadido especial a ese momento de comunidade que se produce cando dan as oito da tarde. Un deles é Jesús, propietario da tenda de chuches Juncal.
"Cada tarde sae cunha ducia de globos brancos, colócase na confluencia das dúas rúas e os solta. Está a ser un xesto moi emotivo que lle agracedemos tamén cos nosos aplausos", explica Miguel Ángel Yebra, un destes veciños.
Como o resto do comercio, este negocio tamén tivo que pechar as súas portas. Por iso, a veciñanza trasladoulle a súa intención de colaborar economicamente con esta iniciativa diaria, pero Jesús insiste en asumir esta dedicatoria vespertina. Outra forma de facer especial eses minutos está á achegar Marité Viñas.
Marité ademais de ter o seu balcón adornado con globos, frores e caritas de emoticonos "para os nenos", cada día disfrázase para saír a aplaudir. "É unha forma de evadirme e se ademais provoco un sorriso ás persoas, marabilloso".
O repertorio de disfraces do que dispón é amplo "estou a reciclar todo, o que me faltan son complementos; agora estaba a facer un chapeu para a tarde, porque se non, vou ter que empezar a repetir, pero bo, repítese".
Xunto a esa disposición cara aos veciños, engade un consello xeral para levar esta circunstancia: "hai que tomar a vida como vén e gozar o hoxe, que mañá non sabemos se chegará. Se chega é un agasallo e hai que aproveitalo".