Vilaboa converte un espazo en desuso nun parque biosaudable

Vilaboa
13 de febreiro 2023

Un antigo espazo situado nun lateral do vial de O Picho é reformado para converterse nun parque biosaudable. Ademais, o alcalde de Vilaboa César Poza aproveitou para eliminar simboloxía franquista situada nun lavadoiro da zona, substituíndoa por un escudo institucional para cumprir coa Lei de Memoria Democrática

Alcalde de vilaboa, César Poza, xunto ao lavadoiro reformado
Alcalde de vilaboa, César Poza, xunto ao lavadoiro reformado / Concello de Vilaboa

Un antigo espazo situado nun lateral do vial do Picho é reformado para converterse nun parque biosaudable. O motivo da reforma é realizar un saneamento nunha zona en desuso que se atopa xunto á estrada en dirección ao Picho.

A contorna no que se realizaron as obras corresponde á zona do Toural, no Concello de Vilaboa. Ademais, o alcalde César Poza aproveitou para eliminar simboloxía franquista situada nun lavadoiro da zona, substituíndoa por un escudo institucional para cumprir coa Lei de Memoria Democrática.

A reforma do lavadoiro incluíu un arranxo do mesmo para canalizar as augas pluviais, xa que o vial no que se sitúa entronca o centro do Toural cun lugar de alta densidade de poboación. Para iso, o Concello substituíu a cuberta e realizou un arranxo no firme.

A zona contaba cun vello parque situado nas marxes da estrada, que carecía de elementos de xogo e apenas era utilizado polos veciños. No seu lugar, o Concello instalou un parque biosaudable con dez elementos que permiten realizar exercicio ao aire libre

Ademais instaláronse bancos e elementos de xogo infantís, xunto a unhas mesas habilitadas para realizar partidas de parchís ou damas. "Transformamos un espazo en desuso pensando nun lecer familiar, que combine as necesidades dos máis maiores e da cativada", afirmaba César Poza.