Viñas libres de mildio pero coa ameaza da avespa asiática e as avelaíñas

Pontevedra
16 de agosto 2021

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, fai un seguimento das viñas de toda a provincia para previr danos de cara á campaña da uva. A presenza de fungos está controlada pero alertan dos danos que especies como a avespa asiática ou as avelaíñas poden provocar nos froitos

Viñas en Seixo (Marín) Mónica Patxot

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzaba o pasado venres 13 de agosto un novo aviso fitosanitario no que destaca que os acios das viñas están xa no pintado, polo que a excepción dos rebuscos, xa non son sensibles ao mildio. Malia a elevada pluviometría desta campaña, o persoal da EFA non detectou novos síntomas nas súas parcelas de seguimento, salvo nas plantas testemuña. Así, considerando as previsións meteorolóxicas que anuncian tempo seco, a Estación estima que non é preciso renovar as intervencións.

Doutra banda, detectouse un forte incremento na presenza de síntomas de oídio, tanto en folla como en pampo, nalgunha planta testemuña e nun gromo non tratado dun predio do Salnés. Aínda que convén manter a vixilancia, o fungo xa non pode afectar aos acios, polo que en principio non serán necesarias máis aplicacións fronte a esta enfermidade.

Nas viñas visitadas polo persoal da EFA apareceron tamén algúns grans afectados pola botrite, aínda que de xeito moi esporádico. Non obstante, comezan a observarse os primeiros danos nos grans dalgunhas zonas causados pola avespa asiática, de xeito que se o tempo se volve inestable debería plantexarse a aplicación de funxicidas de curto prazo de seguridade ou mesmo a aplicación de produtos naturais.

Ademais, segundo informan dende a Estación, é preciso non perder de vista as avelaíñas do acio, máis polos danos indirectos que se poden producir pola aparición de botrite e outras incidencias da uva que polos danos directos que poden causar as perforacións desta praga. Respecto aos cicadélidos, a semana pasada recolléronse os dous primeiros adultos do mosquito "scaphoideustitanus", causante da enfermidade da flavescencia dourada, nunha viña en ecolóxico situada na rede de seguimento da EFA  no concello de Salvaterra de Miño, o que motiva a recomendación dun tratamento fronte ao insecto nesa viña.

Finalmente, aconséllase manter a vixilancia do buxo, para previr a aparición da "polilla do buxo" (cydalimaperspictalis). Na maioría das sebes e plantas observadas xa se observan follas novas e sas, sen indicios das eirugas. Non se agardan danos de importancia, pero hai que manter a vixilancia especialmente nas plantas onde aínda non se vexan follas brotando e en bo estado.