'Vitel toné' con salsa de atún claro Pescamar

Pontevedra
26 de marzo 2022

Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha deliciosa receita da cociña italiana: o 'vitel toné'. O nome deste prato, xurdido na rexión de Piamonte, provén da palabra italiana vitello tonnato, é dicir, ‘tenreiro atunado’, por consistir nun filete de vitela cuberto con salsa de atún

'Vitel toné', tenreira con salsa de atún FrankGeorg en Pixabay

Conservas Pescamar ofrécenos unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha deliciosa receita da cociña italiana: o 'vitel toné'. O nome deste prato, xurdido na rexión de Piamonte e logo popularizado polos inmigrantes na Arxentina, provén da palabra italiana vitello tonnato, é dicir, ‘tenreiro atunado’, por consistir nun filete de vitela cuberto con salsa de atún.

O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destacan a súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.

Para preparar un delicioso 'Vitel toné' con salsa de atún claro Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 1 kg de redondo de tenreira

- 1 porro

- 1 cenoria

- 1 cebola   

- 2 dentes de allo

- Aceite de oliva virxe extra

- Sal

- Pementa negra

- 2 latas de atún claro en aceite de oliva Pescamar

- 1 limón

- 1 cullerada de alcaparras

- 1 cullerada de pirixel

Preparación:

Para cociñar a vitela, poñemos un pouco de aceite de oliva nunha pota e douramos o redondo salpementado. Incorporamos uns dentes de allo pelados e, cortados en anacos, o porro, a cenoria e a cebola.

Unha vez que estea todo dourado, engadimos auga ata cubrir os ingredientes e cociñamos ata que a carne estea tenra. A continuación, sacámola e, unha vez arrefriada, metémola na neveira unhas horas ata que estea fría e consistente. Neste punto, preparamos os filetes cortando a carne en liscos finos, cun coitelo ben afiado ou cunha máquina cortafriames. Colocámolos nunha fonte ampla.

Para preparar a salsa, introducimos no vaso da batedora o ovo, un chisco de sal, o zume de medio limón e uns 200 ml de aceite. A velocidade máxima, batemos ata que se fusionen os ingredientes e a mestura  espese. Engadimos o contido das dúas latas de atún claro en aceite de oliva Pescamar, previamente escorrido, e seguimos batendo ata que a maionesa quede completamente feita e cunha textura solta.

Vertemos a salsa de atún sobre a carne e decoramos cunhas alcaparras e pirixel. Deixamos a fonte tapada uns minutos na neveira e servimos o 'vitel toné' fresco.

En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.