O Concello de Caldas permanece alerta ante a acumulación de auga no encoro da Baxe e un hipotético desbordamento.
O alcalde, Jacobo Pérez, leva desde este domingo "en contacto permanente" cos técnicos do encoro para "coñecer de primeira man en todo momento a situación da infraestrutura".
Así, fala co enxeñeiro do encoro cada hora e recomenda "medidas de prevención" para evitar que un hipotético desbordamento do Umia nas zonas máis sensibles "cause máis problemas dos estrictamente necesarios".
O domingo o Concello pediu á veciñanza que retirase os vehículos de zonas susceptibles de ser afectadas por un posible incremento do caudal do río Umia e o alcalde sinala que houbo acumulación de auga "puntual" na zona da Tafona, un feito que se resolveu procedendo ao destacastamento do sumidoiro de pluviais, que estaba cheo de latas e doutros restos.
Durante a xornada deste domingo, tamén foi necesario comezar a ‘laminar’ auga do encoro, debido á acumulación de precipitacións rexistradas ao longo de toda a xornada.
Ante esta situación, e en previsión de que continúen as choivas, o alcalde fai unha chamada á prevención: "non hai que baixar a garda, porque para o mércores anuncian a entrada dunha nova fronte con bastante chuvia, polo que temos que estar previdos".
Segundo a información facilitada polo Concello, só na xornada do domingo, a auga do embalse incrementouse ata os seis metros en apenas seis horas, por iso é polo que Jacobo Pérez insiste en que "non se trata de ser alarmista, pero está claro que temos que estar moi pendentes da evolucións nestes primeiros días da semana".
O paso do temporal Herminia deixou un regueiro de incidencias no municipio. Ademais da acumulación de auga no encoro, o Concello ten constancia da caída de árbores e de pólas en diferentes puntos do municipio, entre eles, unha parada de autobús.
O alcalde caldense quixo poñer en valor o traballo que están a desenvolver a Policía Local, Protección Civil e os operarios de Obras e Limpeza nestes días.
Ademais, valorou positivamente a resposta dos traballos realizados no seu día en Santa María e na Rúa Pais Pasionistas, pois eran zonas que se asolagaban habitualmente cando se rexistraban fortes precipitacións e logo de levar a cabo unha recolocación das tubaxes, acadouse unha mellor distribución da recollida de augas.
Jacobo Pérez apela á concienciación cidadá para “ter sempre nas mellores condicións posibles os espazos públicos, as cunetas e os sumidoiros".