O xerente da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores, respondeu publicamente ás críticas realizadas polo grupo municipal do PSdeG-PSOE de Poio, que denunciou demoras de ata dous meses para conseguir unha cita médica ordinaria no centro de saúde de Anafáns.
A formación socialista alertou tamén da anulación de consultas xa programadas e do peche de axendas médicas por falta de persoal, o que, segundo indicaron, provocaría longas colas de pacientes este luns pola mañá ao atoparse o centro sen atención médica nese horario.
Flores negou que a situación obedeza a unha mala planificación e asegurou que as afirmacións do PSOE "molestaron bastante os propios facultativos que están a prestar servizo nese centro".
O xerente explicou que actualmente hai seis médicos de familia asignados a Anafáns, e subliñou que a escaseza de persoal non é exclusiva deste centro: "Non nos cansamos de repetir que non existen médicos en paro esperando nunha lista de substitutos para cubrir vacacións ou baixas", sinalou.
Sobre o peche do centro en horario de tarde, Flores explicou que, como noutros centros sanitarios da área, durante os meses de verán se reorganizan as quendas para optimizar os recursos dispoñibles. "Cando existen cupos de mañá e de tarde, moitas veces unifícanse en horario de mañá", afirmou.
Respecto da ausencia de médicos este luns, Flores atribuíuno a un "cúmulo de circunstancias": un dos facultativos atrasouse por motivos persoais e outro non puido incorporarse debido a unha enfermidade. A isto súmase que varios profesionais continúan de vacacións.
O xerente asegurou que a situación se normalizará a partir do 1 de outubro, cando finalicen os períodos de descanso do persoal médico. A partir desa data, o centro de saúde de Anafáns retomará tamén a atención en horario de tarde, "igual que durante todo o ano".