O 6 de febreiro de 2022, ás 17:30 horas, un home golpeou na cabeza e o brazo outro en Bueu, causándolle feridas que provocaron que tivese que ser atendido no Hospital Montecelo.
Por esa agresión, acabou condenado por un delito leve de lesións a pagar unha multa de 180 euros, un mes a seis euros diarios, e a indemnizar á súa vítima con 1.064,13 euros.
Os feitos ocorreron no lugar de Hermelo, en Bueu, e unha das circunstancias máis rechamantes do ocorrido é que o agresor ía montado dacabalo e portando un pau.
Segundo dúas sentenzas, golpeou á súa vítima, de 67 anos, "en repetidas ocasións" e causoulle diversas contusións.
Os feitos presenciounos un terceiro home, que estaba no lugar e socorreu á vítima. Interveu para defendelo e chamou á ambulancia.
Segundo o parte sanitario, a vítima sufriu un traumatismo cranial, unha ferida lineal superficial dun centímetro en rexión parietal occipital esquerda e ansiedade.
Os feitos xulgounos primeiro o Xulgado de Instrución número 1 de Marín, que condenou ao acusado.
El recorreu, pero a sección segunda da Audiencia desestimou o seu recurso e confirmou a sentenza previa.