Un grupo de pais e outros familiares directos de nenos cegos ou con discapacidade visual grave de afiliados á ONCE, que están escolarizados en Educación Infantil e Ensino Primario, asistirán este sábado, en Pontevedra, a unha xornada sobre xogos e xoguetes adaptados, que lles permitirá axudar aos seus fillos non só a divertirse senón tamén a que aumente a súa integración e comunicación.
A actividade será impartida polas técnicos do centro pontevedrés Teresa Hermida, Lucía Casalderrey e Marisol González.
Trátase dunha sesión informativa e formativa durante a cal aos familiares dos pequenos se lles van proporcionar coñecementos e experiencias sobre xogos e xoguetes adaptados para os seus fillos que axuden ao seu desenvolvemento integral.
Tamén se lles instruirá sobre o ámbito físico máis idóneo para previr riscos na práctica dos xogos, así como sobre os materiais existentes no mercado para adaptar xogos e xoguetes convencionais e outras pautas para adaptar materiais, e mostraránselles xogos e xoguetes específicos.
Os xogos e xoguetes que se tratan son fundamentais para que os nenos poidan situarse no espazo e no tempo, para que poidan desenvolver a súa autonomía e confianza. Moitos destes xogos e xoguetes ensínanlles á vez o sistema de lectoescritura braille e outros a desenvolver as súas accións e tarefas cotiás.