Xornada de inspección marítima coa participación da conselleira do Mar en Vilagarcía

O Salnés
10 de xaneiro 2026

Marta Villaverde destaca en Vilagarcía o papel de Gardacostas de Galicia na loita contra o furtivismo e a protección do litoral

Marta Villaverde, conselleira do Mar, lanza un centolo ao mar
Marta Villaverde, conselleira do Mar, lanza un centolo ao mar / Consellería do Mar

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este sábado pola mañá nun operativo de inspección realizado a bordo da patrulleira Mar de Galicia, no porto de Vilagarcía.

Durante a visita, Villaverde puxo en valor o labor de Gardacostas de Galicia, subliñando que Galicia é a única comunidade autónoma do Estado con un servizo destas características, clave na vixilancia, busca e salvamento marítimo.

Gardacostas efectuou en 2025 un total de 9.726 inspeccións, levantou 2.568 actas de infracción e realizou 36.785 incautacións no marco da súa loita contra o furtivismo e a pesca ilegal.

Dende a súa creación hai 35 anos, este servizo salvou a vida de máis de 1.800 persoas, segundo informou a conselleira, que tamén salientou a partida de 18,2 millóns de euros prevista nos Orzamentos de 2026 para a súa actividade, sen contar cos custos de persoal.

A unidade, que opera de maneira continua durante todo o ano, está composta por 144 efectivos distribuídos entre os Servizos Centrais de Santiago e nove bases operativas na costa, incluíndo Vilaxoán.

Embarcación de Gardacostas na ría de Arousa
Embarcación de Gardacostas na ría de ArousaConsellería do Mar

Ademais, conta co apoio dos 163 gardapescas que a Xunta subvenciona ás confrarías.

O proceso de modernización do servizo avanza coa próxima incorporación de dúas patrulleiras novas e doce vehículos todoterreo, reforzando a capacidade operativa nas augas galegas.

Villaverde destacou “o traballo esencial” de Gardacostas, que reforzou recentemente a súa colaboración con Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local e gardapescas, para optimizar as tarefas de rescate, control e protección do medio mariño en Galicia.

Marta Villaverde, conselleira do Mar, na embarcación de Gardacostas
Marta Villaverde, conselleira do Mar, na embarcación de GardacostasConsellería do Mar