A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves 5 de decembro un pontevedrés da comarca de Caldas que durante máis de tres décadas someteu á súa muller a ameazas e insultos e durante cinco exerceu un "férreo control" da súa vida e maltratouna e violouna.
A Fiscalía describe un grave caso de violencia machista. Relata unha "situación de temor constante no ámbito familiar" desde que o acusado e a vítima casaron en 1990.
Segundo o escrito de acusación, ameazábaa e insultaba de maneira continuada e, durante cinco anos mesmo foi a máis. Todo ata que ela denunciou en xaneiro de 2021.
Durante eses últimos cinco anos, someteuna a un "férreo control en todas as esferas da súa vida", levándolle conta do seu diñeiro e de todo o que gastaba, controlando a forma na que vestía, limitándolle as relacións sociais e familiares e impedíndolle saír da casa sen motivo.
Ademais, de maneira habitual, cando ela lle levaba a contraria en calquera asunto, dáballe patacas, tiráballe do pelo e lanzáballe obxectos. En todo este tempo, e por costume, era normal que non se dirixise á súa muller polo seu nome, senón chamándoa sempre "puta e filla de puta", en presenza dos seus fillos.
A situación chegou ao seu punto máis complicado o 12 de xaneiro de 2021. Ambos durmían na mesma casa en habitacións separdas e cando ela foi levarlle a medicación á habitación, el díxolle que quería manter relacións sexuais.
Ela negouse, pero el agarrou polas bonecas, deulle un forte golpe co puño pecho no lado dereito da cara e violouna.
Ao día seguinte, ela díxolle que tiña que cambiar ou ela deixaría a relación e el, en ton agresivo, con ánimo de atemorizala, contestoulle "si me deixas, mátote". Acabou denunciándoo dez días despois, tras ir vivir cun dos seus fillos a outra cidade.
Como consecuencia deste feito, a vítima sufriu tensión postraumática, dano emocional, desarraigamento e dano social prolongado e persistente.
A Fiscalía considera a este home autor de cinco delitos, malos tratos habituais, malos tratos, ameazas e vexacións en ámbito da violencia de xénero e agresióin sexual.
En total, pide para el 15 anos e oito meses de prisión, 11 anos pola agresión sexual, tres polos malos tratos habituais, dez meses por malos tratos, outro dez meses por ameazas e 20 días de localizació permanente polas vexacións.
Ademais, pide que sexa conenado a oito anos de privación de dereito a tenencia e porte de armas, 24 anos e medio de prohibición de achegarse a menos de 200 metros da súa vítima e comunicarse con ela e 6 anos de liberdade vixiada.
En concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizala con 20.000 euros en concepto de dano moral e psicolóxico.