O Consello da Xunta deu luz verde á aprobación provisional do proxecto para construír unha nova senda peonil e ciclista na estrada PO-551, ao seu paso por Bueu.
A actuación, que será sometida a información pública nas próximas semanas, permitirá mellorar a conexión entre as praias de Lapamán, Portomaior e Agrelo e os núcleos de poboación da contorna.
O proxecto, impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, conta cun orzamento de máis de 875.000 euros e contempla a creación dun itinerario de uso mixto para peóns e ciclistas non deportivos ao longo dun tramo de algo máis de 1,4 quilómetros que percorre Lapamán, Cela e Castrelo.
A intervención está dividida en dous subtramos. O primeiro desenvolverase entre os puntos quilométricos 7+990 e 8+900, desde a glorieta de acceso á praia de Lapamán até a rotonda de Cela, enlazando con sendas xa existentes. O segundo, en cambio, continuará entre os puntos 9+080 e 9+440, desde a contorna da glorieta de Cela até a intersección coa estrada EP-1304 e o acceso a Portomaior-Agrelo.

A nova senda terá un ancho aproximado de 2,02 metros e estará executada en formigón bicapa. Para a súa construción ampliarán a plataforma nalgúns puntos, o que implicará a expropiación de 26 leiras. Ademais, prevese a construción de muros de contención en varios tramos para minimizar o impacto das obras.
O proxecto inclúe tamén a mellora da drenaxe, o repintado de marcas viarias, a renovación da sinalización vertical e a adecuación dunha parada de autobús con refuxio. Así mesmo, instalaranse varandas en zonas con desniveis, bancos e un sistema de iluminación, ademais de canalizacións para futuras infraestruturas de telecomunicacións.
A Xunta prevé someter o proxecto a información pública durante un mes ao longo de xuño, co obxectivo de aprobalo definitivamente no segundo semestre do ano e proceder posteriormente á licitación das obras, cuxo prazo de execución estímase en 12 meses.