Máis de 350 inscricións oficiais consagraron este fin de semana a Pontevedrada como cita solidaria obrigada do ano en Pontevedra. Os organizadores cualifican de "éxito" tanto a participación coma o balance final da entidade, que se resolveu sen case incidentes.
Raúl Álvarez, un dos organizadores, destacou a "implicación" de todas as persoas que cederon o seu tempo e realizou doazóns para facer posible a cita solidaria, tanto do persoal sanitario que atendeu aos participantes durante o percorrido e nunha sala cedida polo Hostal dos Reis Católicos como das empresas que achegaron os regalos que se sortearon ao termo da Pontevedrada 2013.
Entre os participantes destacan pola súa xuventude un neno de 11 anos que realizou o percorrido acompañado polo seu pai e pola súa idade un home de 63 anos que se desprazou dende Suíza a propósito para participar na Pontevedrada animado por un familiar e que, tras rematar a proba, xa anunciou que intentará estar na edición de 2014.
Segundo indicou Miguel Martínez, os participantes partiron puntualmente poucos minutos despois das 20.00 horas e os primeiros camiñantes percorreron os 63 quilómetros ata Santiago de Compostela en 12 horas.
Ao redor das 8.00 horas da mañá chegaron os máis madrugadores e o resto foron alcanzando a Praza do Obradoiro a contagotas. Ás 13.45 horas xa estaban todos en Santiago tras superar un percorrido con "menos abandonos de los que esperábamos", a maioría por chagas ou cansazo. Tan só houbo un incidente destacado, un desmaio en Padrón.
Un dos momentos clave da actividade chegou minutos antes do inicio da terceira edición da Pontevedrada, coa intervención de Rober e Susana, os pais do pequeno Javi, un neno con transplante de medula que "representa o espírito" desta cita solidaria.
"A nivel general estamos contentos, esperando ya la siguiente edición, porque se consiguió el objetivo, concienciar sobre la importancia de la donación de sangre y de tejidos", valorou Miguel Martínez.