Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro)
Un paso adiante
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Así comeza o poema Penélope, editado no libro Nimbos, do poeta Xose María Díaz Castro, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, unha conmemoración que oxalá que non existise nunca. Igual que oxalá que nunca existise o Día da Paz, porque significaría que xa non hai guerras. Igual que oxalá que nunca existise o Día Mundial do Teatro, porque significaría que o Teatro non é algo que haxa que reivindicar.
A celebración de hoxe sérvelle a moitos para facerse conscientes, por un día, da importancia da lingua e da cultura propias. Mesmo hai xornais feitos en Galicia que hoxe sacan a súa portada integramente en galego. Só a portada, todo o interior non, que sería excesivo. Así xa poden traballar en castelán coa conciencia tranquila o resto do ano. Mentres, seguimos esperando, como a Penélope de Homero e tamén de Díaz Castro, que neste país se poida ler, dunha vez por todas, un xornal integramente en galego, como sería lóxico nun idioma minimamente normalizado. Polo menos un.
Ata mesmo podería ser que hoxe, se non fose festivo, igual algún xuíz ditase algunha sentenza en galego. Podería ser. Mentres, o resto do ano a Xustiza segue sendo un sector do que a lingua galega é totalmente alleo. Igual que tantos outros: a medicina, os transportes, o comercio... Déronse moitos pasos adiante, pero déronse moitos máis cara atrás. Hoxe por hoxe é impensable facer a vida cotiá integramente en galego. ÿ máis, o uso real do idioma está en claro retroceso nos últimos anos. Permitídeme que non tire de datos estadísticos e probas demostrativas desta afirmación. Permitídeme que me remita a unha simple observación do entorno que nos rodea.
Nas grandes cidades de Galicia é dificilísimo escoitar o galego. Nas vilas e aldeas, a xeración dos meus pais falaba integramente en galego. Na miña xeración, en moitísimas zonas, xa somos casos raros os que empregamos o galego como único idioma. E con respecto aos nosos fillos, conseguir que aprendan e falen o galego estase convertendo nun empeño persoal produto do compromiso ideolóxico e cultural duns poucos, nunha verdadeira loita, claramente desigual, contra os medios de comunicación, o sistema educativo e as novas tecnoloxías.
Arredor da lingua galega, todo son prexuízos; todo son escusas para non falala todos os días e en todas as situacións, para negarse a facela a nosa vía de expresión sen complexos. Eu escoito moitas veces: "é que non falo galego porque non o sei falar ben en normativo". Si, que o castelán que falas é moi normativo, que colles o neno "en el colo" e non cheiras o que é un tempo composto. Ou: "ÿ que cambian a Normativa cada dous por tres. Agora hai que dicir grazas en vez de gracias e non me adapto". Si, adaptácheste a 4 sistemas operativos de ordenador e a, polo menos, 7 teléfonos móbiles con seus correspondentes menús, pero non te adaptas a dous cambios de normativa do teu propio idioma en 30 anos?
Perdeuse nos últimos anos o consenso sobre o concepto de inmersión lingüística que estaba recollido na lei de normalización, aprobada por unanimidade no ano 83. Isto supón un gran paso atrás e augura un futuro moi difícil para este idioma que deberiamos conmemorar, festexar e defender todos e cada un dos días do ano, e non hoxe porque estea marcado no calendario. E falarllo ós rapaces na escola non é impoñelo. ÿ tomar medidas de xustiza e reparación histórica despois de que unha ditadura fascista o prohibise e reprimise, con violencia, durante corenta anos. Isto é algo que se esquece con demasiada frecuencia e que parece que hai que lembrar máis do que sería necesario.
Porque estes antecedentes políticos históricos xeraron en relación co galego unha serie de fenómenos sociolóxicos realmente perniciosos, que conforman unha situación que ben podería raiar coa esquizofrenia. Moitos galegos fomos educados en castelán por uns pais galegofalantes, coa idea de que nese idioma, que eles sabían moi mal pero que tiña máis prestixio, poderiamos chegar moito máis lonxe na vida. Porque en galego, claro, non se vai a ningures. A estas alturas, nunha comida familiar, as persoas van cambiando de idioma segundo a quen se dirixan.
A máxima expresión desta minusvaloración da lingua propia ofreceuma unha rapaza da Coruña, hai moitos anos cando estaba na universidade, cando me espetou: "é que o que ti falas non é galego. Galego é o que falan os vellos nas aldeas. Iso que falas ti é culto, entón non pode ser galego". Ela dicíamo en castelán, claro, pero hoxe non vou escribir aquí en castelán que é o día que é.
Con esta autoxenreira, este desprezo pola cultura propia, conviven fenómenos posteriores que nos poderían parecer contraditorios, aínda que eu penso que non o son. Por exemplo: a idea cada vez máis estendida de que o galego é unha cousa propia das elites culturais, que só falan persoas moi intelectuais en contextos restrinxidos, en círculos académicos moi especializados. Isto leva a que sexa considerada unha lingua respectable, de prestixio, por dicilo dalgunha maneira, pero non de emprego común. Deste xeito, vai collendo un uso ritual; está ben que se use a nivel oficial para quedar ben, porque é o politicamente correcto, pero en canto cortan a conexión ou baixamos do estrado, xa podemos relaxarnos e falar en castelán, que é a lingua de andar pola rúa. E eu pregunto: pero o galego non era unha lingua de labregos e mariñeiros? A conquista histórica de darlle un status oficial e legal foi un paso para adiante ou para atrás?
O idioma e a cultura non dependen -ou non deberían depender- das administracións e dos políticos, senón da vontade de todos e cada un dos integrantes do pobo ao que lle dan sentido. O meu idioma e a miña cultura son un dereito individual que debo exercer, porque é o que me dá identidade a nivel colectivo. Isto foi así durante centos de anos e somos responsables de que siga sendo así no futuro. Somos responsables de non perder ese dereito. Deixémonos de prexuízos e de complexos, e falemos e defendamos o galego todos os días do ano. Deamos pasos adiante, porque pasos atrás xa se deron demasiados ao logo da nosa historia.