Jorge Cubela López
Támara, es froito de ti mesma
En Cotobade homenaxeamos a unha veciña ilustre do noso concello e que entra a formar parte da lista do noso patrimonio máis rico, como é o dos importantes fillos recoñecidos polas nosas corporacións muncipais. Hoxe rendemos tributo a Támara Echegoyen e ao deporte.
A historia común do noso pobo coñece as raíces máis próximas de Támara no tempo máis afastado na figura do seu bisavó Manuel Peña, médico de recoñecido talento.
Talento. Esa aptitude que os teus pais tanto quixeron que aproveitases con ilusión, empeño e vocación desde os 5 anos.
Vocación. A do mar, que che vén de lonxe.
Sabemos dos esforzos que supuxeron para a túa familia ter que desprazarse moitos días á semana desde Viascón para que chegases a tempo a cada adestramento desde que eras pequena.
Ese empeño, que levou a que te formases deportivamente, simplemente, coa axuda da túa valía.
E xurdiu a ocasión. A categoría Match Race Feminino. E no 2009 propuxécheste presentar candidatura preolímpica e pór rumbo a Londres 2012.
E chegou. Conseguíchelo, co teu equipo, con Sofía e Ángela, o reto da túa vida, coroarte na cima do Olimpo do deporte, gañando a medalla de ouro da túa categoría nunhas Olimpíadas, sendo seguida a través da canle Teledeporte
Es froito de ti mesma. Representas a humildade, a valía, o sentido do deber e, para min, a fortaleza como persoa máis grande que coñecín en moito tempo..
A corporación municipal de Cotobade, formada pola vontade popular, quixo de maneira unánime renderche esta humilde homenaxe e pedirche que accedeses a formar parte desa gran lista na que, cando procede, engórdase con persoas ilustres e, ti, o es.
Támara, sigue sorrindo á liberdade que nos produce ver o mar nos teus ollos, aínda que haxa marusía e o anticiclón poida tardar en chegar.
29.11.2012