Francisco Freire Vila
Libros de texto dixitais
Chego a clase e mentres a mestra carga un libro de texto no taboleiro dixital, nós acendemos os computadores. A mestra vai explicando os contidos do libro, realiza preguntas sobre o exposto e facemos algunha actividade directamente no computador; ao momento, a mestra coñece en tempo real os resultados dos exercicios realizados por cada un de nós...
Este escenario xa é posible nalgún colexio de Galicia e nos cursos vindeiros verémolo noutros centros xa que a Xunta quitou recentemente a convocatoria para que os centros con Abalar o soliciten. Con todo, o nivel de satisfacción do alumnado que xa probou este sistema non é pleno, manifestan que os libros tardan en cargar, teñen demasiadas actividades, son aburridos, teñen erros... Parece evidente que hai que facer melloras, reflexionemos e debatamos entón.
Os libros de texto dixitais non poden ser os libros de texto que levamos empregando toda a vida, teñen que ir máis aló do formato PDF, que imita no medio electrónico as características do libro físico. Introducir a tecnoloxía nas aulas e os libros dixitais, en particular, supón cambiar a forma de ensinar, aproveitar todas as potencialidades tecnolóxicas dos últimos anos e formar os docentes para sacarlle o máximo partido a este novo sistema.
Os libros de texto dixitais teñen que ter un formato hipermedia, que permita ver vídeos, oír sons, navegar por Internet ou interactuar para facer as distintas actividades que se propoñan, deben facilitar o labor do profesorado e a aprendizaxe do alumnado. Neste sistema as plataformas educativas, como contedor dos materiais dixitais, permiten ao alumnado acceder aos distintos recursos educativos interactivos e a unha gran variedade de actividades que pode facer desde o seu computador e que o profesorado pode avaliar de forma exhaustiva e personalizada para aproveitar ao máximo as capacidades individuais de cada un. Tamén é posible crear por parte do persoal docente as súas propias actividades segundo as súas necesidades ou os cambios ou alteracións no currículo ou nos contidos propios de cada materia. Ademais, como espazo de comunicación, o lector (alumno, profesor) debe poder anotar sobre eles as súas ideas e comentarios, subliñar e compartir con outros lectores as súas anotacións. Estes libros deben ser máis parecidos a unha conversa que a un monólogo, un diálogo entre o autor e o lector ou entre os propios lectores, preservando, evidentemente, a integridade do libro. Un lector poderá acceder ao texto orixinal, ás anotacións doutros lectores, ao debate actual ou pasado sobre o texto e ata ás modificacións do propio autor, froito do debate (hoxe en día xa existen estes modelos).
Polo tanto, os libros de texto dixitais deben ter unha contorna de lectura pero tamén de escritura. Calquera combinación ou incrustación de medios debe ser posible: vídeo, audio, presentacións, simulacións, datos dinámicos, etc. Deben ser máis un espazo de comunicación entre autores e lectores ca un produto e debe poderse ler tamén offline. E, como non, os pais e nais deberían poder entrar e ver os progresos dos seus fillos, as faltas, os deberes, etc. e mesmo comunicarse cos mestres a través da plataforma para formular suxestións.
Con todo, non pensemos que son a panacea, xa que ao final é o propio alumno o que co seu esforzo diario e constante debe afrontar as distintas actividades e tarefas de estudo que se propoñen en cada unidade. Os libros de textos dixitais non presupoñen que o alumnado vaia mellorar o seu rendemento académico polo simple feito de ser un material innovador e moderno; moi ao contrario, debe esforzarse, se cadra máis, en realizar todas as tarefas e actividades propostas.
Os que apostan por este sistema xustifícano porque ofrece oportunidades máis ricas, diversas e variadas de aprendizaxe aos estudantes e no desenvolvemento profesional dos docentes. No entanto, os críticos afirman que, en realidade, o que se pretende é potenciar o emerxente sector da informática e das telecomunicacións e non supón ningunha vantaxe á educación. O certo é que todo novo sistema ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes que calquera lector interesado pode atopar na rede.
Nesta revolución educativa o xogo de intereses de todos os implicados (institucións, docentes, familias...) será o que determine o seu futuro. Espero que todos sexamos conscientes de que o interese por acadar unha educación pública de calidade estea moi por riba do interese económico e non se desterren definitivamente da educación aspectos fundamentais do ser humano como a intelixencia emocional ou as habilidades sociais.