José Freire
DESAFIUZAMENTOS
Sempre houbo desafiuzamentos. Pero agora o nivel de tolerancia social é distinto, menos permisivo con esa práctica. Téndese a ver iso coma se fose unha gravísima condena, que o é, pola situación económica que atravesamos, e en cambio os desafiuzamentos levados a cabo durante os anos anteriores pasaron desapercibidos. Un desafiuzamento é un drama sempre, con ou sen crise económica, e por iso o primeiro que hai que pedir é unha solución con efecto retroactivo, que permita a quen perderon a súa vivenda por circunstancias sobrevindas recuperala das garras do banqueiro que lla quedou.
Un desafiuzamento é unha das tarefas máis ingratas que desenvolve calquera membro dos corpos de seguridade, sexa do Estado, autonómico ou local. Debe terse en conta a eses efectos que un desafiuzamento é sempre unha resolución xudicial e que incumprir unha orde expresa, unha resolución xudicial, pode ser considerado desacato, entre outras figuras do Código Penal, que poden acabar co policía expulsado para sempre da súa profesión e poida que ata encarcerado.
Os responsables dos desafiuzamentos son, en primeiro lugar, os políticos que fan as leis; en segundo lugar, os xuíces, que as aplican e poden interpretalas; en terceiro lugar, os bancos, que impulsan os desafiuzamentos; e nalgúns casos tamén os propietarios que non estando en situación de necesidade simplemente quixeron vivir por enriba do que a súa economía lle permitía, casos que tamén se dan.
A crise e o crecemento dos desafiuzamentos provocou un cambio no clima social e xa o Goberno, os partidos políticos, os medios de comunicación, os xuíces, os sindicatos, están esixindo unha solución para iso, e é neste momento cando, querendo contribuír a que se faga xustiza e se protexa a quen máis o necesita, o Sindicato Unificado de Policía atreveuse a dicir que abonaría o soldo e garantiría unha defensa xurídica a calquera funcionario que se opoña a realizar un desafiuzamento. ÿ o seu xeito de tomar posición en defensa de quen máis o necesita. ÿ o momento porque houbo varios casos de suicidios. Isto provocou unha alarma social, e é posible que algún compañeiro sinta que de acudir a un desafiuzamento pódelle carrexar problemas morais e de conciencia que perturben a súa estabilidade emocional, e por aí comezarían os argumentos da seu defensa ante o expediente disciplinario e os posteriores recursos ante os tribunais de xustiza. A situación creada permite un argumento de defensa que, fai un ano, era imposible.
Os interrogantes e as respostas son evidentes: ¿Un desafiuzamento é unha das tarefas máis ingratas no traballo dun policía, tendo que botar fora da súa casa a familias enteiras, con nenos e persoas maiores?. Si. ¿Fano de xeito voluntario?. Non. ¿Pódelle afectar animicamente e sentirse sen forzas para acudir a un desafiuzamento á vista dos casos de varias persoas que se suicidaron por esta causa?. Si. ¿Un sindicato está para defender los intereses socio- profesionais dos seus afiliados?. Si.
Coa declaración realizada quixemos sinalar, dunha banda, que estamos con quen perderon o traballo e agora queren botar da súa casa, e esiximos ao Goberno que lexisle para resolver esta situación ou será responsable por omisión. Unha posición coherente coa traxectoria desta organización sindical. E doutra, que o compañeiro que animicamente considere que intervir lle pode ocasionar problemas persoais saiba que contará co apoio sindical.
Isto de defender os dereitos dos policías desde formulacións de respectar a lei e os dereitos, liberdades e seguridade dos cidadáns, obriga ás veces a complexos procesos de análises da situación e circunstancias en que é posible facelo todo sen contradiccións. Coido que con esta postura se actúa en coherencia con todos eses principios. Porque sendo certo que un policía cando se coloca o uniforme debe ignorar calquera consideración individual, idea persoal ou ideoloxía, aquí estamos no que podería ser unha causa de obxección de conciencia, pero como iso nos está prohibido aos policías, como tantos outros dereitos, é a obrigación da organización sindical, creo eu, buscar fórmulas que permitan compatibilizar o cumprimento da lei coa dignidade persoal de quen a fai cumprir.
Quen siga actuando tamén terá o apoio do S.U.P., porque é un problema que deben resolver outros e non nos é esixible que resolvamos os que nos son alleos, aínda que é desexable que non se produzan imaxes de policías golpeando a anciáns ou nenos cando se produce un desafiuzamento. Non é propio dunha policía democrática.
3.12.2012