Francisco Freire Vila
Competencia dixital: insuficiente
Unha das competencias clave que recolle a LOMCE e que xa contemplaba a LOE é a competencia dixital. A miúdo enténdese por competencia dixital utilizar as tecnoloxías da información e da comunicación para identificar, localizar, obter, almacenar, organizar e analizar a información dixital. Tamén para comunicar, compartir, colaborar, participar ou interactuar e mesmo para crear, editar, integrar, reelaborar contidos, etc.
Todos os pais e nais coincidimos en que hoxe en día é fundamental que os nosos fillos e fillas non queden atrás na eclosión tecnolóxica que está tan presente na nosa vida cotiá e que é un elemento cada vez máis importante en todos os ámbitos, por iso, valoramos que o seu coñecemento se introduza xa na educación primaria. Con todo, o nivel de competencia dixital do alumnado do noso sistema educativo é inferior ao doutros países, quizais porque se centra demasiado no aspecto da información e da comunicación, é dicir, na tecnoloxía como produto de consumo.
Pero hai un aspecto da competencia dixital, moito máis importante e completo para a formación do alumnado, que non se lle está a dar a importancia que realmente ten, refírome á produción de contidos multimedia ou de pequenos programas. Neste sentido, a dimensión que se lle dá ás novas tecnoloxías non é como produto de consumo senón como produto de desenvolvemento do pensamento computacional ou algorítmico que permite fomentar a habilidade para resolver problemas, desenvolver o pensamento crítico, fortalecer a lóxica, ensinar a pensar, fomentar a aprendizaxe cooperativa e incidir sobre as outras habilidades multidisciplinares (lingüística, matemática, artística, espacial, musical, interpersoal e intrapersoal). De aí que algúns países como o Reino Unido ou Finlandia estean introducindo no seus sistemas educativos unha materia de programación acorde co nivel educativo. ÿ lamentable que no noso país, no que se acaba de aprobar unha lei de mellora da calidade do ensino, non se introduza unha materia tan beneficiosa para o ensino cando, actualmente, temos infinidade de recursos para programar adaptadas á idade: Scratch, S4A, App Inventor, Python, Ruby, Alice...
Por outra banda, non hai que esquecer que a competencia dixital tamén ten que abarcar outros aspectos coma a seguridade xa que as novas tecnoloxías, como produtos de consumo, requiren dunha aprendizaxe de uso e un coñecemento para diferenciar, por exemplo, un anuncio do que non é anuncio (spam...), patróns válidos dos perigosos ou enganosos (hoax...), identidades reais de identidades falsas (phising...), para saber protexer a información, os datos persoais, a identidade, aplicar medidas de seguridade, en definitiva, facer un uso responsable e seguro.
Igual importancia ten, na adquisición da competencia dixital e acorde co nivel educativo, a resolución de problemas habituais de software e tamén de hardware, de recursos dixitais, saber adquirir ferramentas, buscar alternativas, melloras, actualizacións, etc.
Todas estas habilidades para a información, comunicación, creación, seguridade e resolución de problemas teñen que comezar a adquirirse en primaria. Cando o alumnado adquira estas habilidades poderemos falar de verdadeira competencia dixital, claro está que, mentres non se dediquen máis horas no currículo á informática e non haxa exclusivamente especialistas na materia nos centros de ensino, o noso sistema educativo non poderá aprobar en competencia dixital.