José Freire
Falemos de min
Aínda que sexa por unha vez e sen que sirva de precedente. E aseguro que non volverá suceder neste medio, salvo cando os seus redactores, chegada a hora de abandonar este mundo, decidan dar a nova de que, un bo profesional e un honrado e traballador sindicalista, finou á idade de oitenta e tantos anos.
E vén a conta porque, o pasado día 4 de xuño, no marco do VIII Congreso Federal do Sindicato Unificado de Policía de Galicia, celebrado na miña querida cidade de Pontevedra, deixaba calquera responsabilidade na Organización, despois de 33 anos de actividade sindical, algún deles en épocas moi complicadas da clandestinidade.
Ao longo da miña dilatada historia sindical, tiven sempre claro cales eran os obxectivos que o Sindicato Unificado de Policía debía alcanzar: unha policía civil, ben formada, cuxos membros gozasen de plenos dereitos civís, sociais, profesionais e laborais, que tivesen como eixe central da súa actuación protexer o exercicio dos dereitos e liberdades consagrados na Constitución española, e servindo á cidadanía dende o respecto aos dereitos de todas as persoas.
Para iso concretei os esforzos na reivindicación, a formación, os servizos, e a área xurídica. E todo iso avalado por unha xestión de recursos honesta e responsable, e porque esta xestión fose do coñecemento dos afiliados e da sociedade.
Ao longo destes anos tocounos lidar con touros moi bravos. Dende conseguir a desmilitarización do Corpo, en época de clandestinidade, ata a actualidade coa profunda crise que estamos a sufrir na que, todos en xeral, e os policías en particular, sufrimos unha espiral crecente de recortes. Os devanditos recortes acadaron niveis alarmantes que afectan xa directamente á calidade da Seguridade Pública que prestamos á cidadanía e, por ende, á súa cualidade de vida e aos seus dereitos.
O noso país, que gozou nas pasadas décadas dun sistema de garantías sociais denominado Estado do Benestar, en cuxo marco acadamos niveis exemplares de calidade nos Servizos Públicos, vese sometido hoxe, co pretexto da necesaria diminución do gasto público, a uns recortes sen precedentes e a un ataque indiscriminado aos dereitos dos Empregados Públicos, que ten como consecuencia directa unha redución da diversidade, a cualidade e a cantidade dos servizos públicos.
Esta situación estanos facendo retroceder ás condicións sociais de hai décadas que ninguén pensou volver lembrar, pero que os que levamos un tempo na Policía non esquecemos.
Vimos como se nos recortan as nosas condicións retributivas e laborais nunha proporción que raia a inxustiza. Como se pecha a oferta de emprego para o C.N.P. e non se nos dotan dos instrumentos necesarios para desenrolar o noso traballo nas mellores condicións. Está moi recente a morte dun Policía en Málaga por carecer do chaleco anti-trauma.
Para xustificar o maltrato aos dereitos adquiridos, algúns desprezan á función mesma que se presta. Así estamos a ver que os "Empregados Públicos" se converteron nun ente desvalorizado, ao que se critica sen fundamento e sen consecuencias. Mesmo se mente sen pudor ao presentar cifras desorbitadas sobre soldos e condicións laborais mentres outros, cunhas boiantes nóminas públicas, case sempre nomeados a dedo, campan as súas anchas por todo o territorio nacional e en paraísos fiscais, constituindo un dos máis graves problemas de España.
Ou das máis recentes polo trato dispensado aos compañeiros das Unidades de Intervención Policial, con gallo dos altercados do 22 M en Madrid, ou o anteproxecto da Lei de Persoal.
A pesares de todo non son pesimista e coido que as novas xeracións de policías e de sindicalistas, deberán adoptar as medidas axeitadas para que o S.U.P. en Galicia siga sendo a referencia, non só de cara aos afiliados, senón tamén á cidadanía.
Voume da Secretaría Xeral coa satisfacción do deber cumprido. A bo seguro que cometín erros ou non cheguei onde algún se esperaba de min. Defraudado a outros ou non ter dado o talle nun momento determinado. Asúmoo e respéctoo.
O que vos podo asegurar é que tratei de levar ao SUP en Galicia á súa consolidación como primeira forza sindical, á súa independencia e a ser unha organización de referencia na vida pública e ser o instrumento de defensa dos intereses sociolaborais dos afiliados e do servizo público de seguridade que prestamos. Puxen todo o meu empeño en facer o meu traballo con dedicación, esforzo, honradez e lealdade. Non sei se o terei conseguido.
Para criticar xa están outros.