Elena Varela
Mestres e mestras de honra
Dicía José Martí que un pobo instruído sempre será forte e libre. Eu débolle a miña liberdade a todas esas persoas que a través das súas ensinanzas, constituíron o meu ser.
Falo dos mestres e das mestras, dende infantil á universidade, pasando por primaria, pola ESO e por bacharelato. Falo das palabras que os definen: dedicación, esforzo, comprensión, entusiasmo...
A miña época estudantil, como sei que lle pasou a moitos/as, deixou unha pegada imborrable. Non tanto polas materias ou polo temario aprendido, senón por aquelas persoas que pasaron tantas horas con nós.
Aquelas persoas que chegaron un día a unha clase e decidiron enfrontarse a máis de vinte alumnos/as, co único fin de ensinar. E de novo, podemos falar da materia, ou podemos falar da vida.
Algunhas preferiron explicar matemáticas e outras, comprender por que nos custaba tanto entendelas.
Moitas preferiron obrigarnos a memorizar obras e autores/as e outras, a amar a literatura.
E así foi como empezamos a disfrutar da bioloxía, do galego, da lingua castelá, da historia, da filosofía... Porque aquel día no que decidiron enfrontarse a unha clase enteira, nós non sospeitabamos que nesas catro paredes iamos aprender innumerables leccións de vida.
Por iso, dende aquí, eu só podo dar as grazas a tódolos mestres e tódalas mestras que nalgún momento me axudaron a enfrontar a vida co poder da razón e da reflexión e que depositaron os seus valores en min coa firme esperanza de que volvesen xerminar.
Sempre pensarei que a educación define a unha sociedade e comprender a importancia e significado dos mestres e mestras que a constitúen, será o primeiro paso para acadar valores íntegros como a xustiza, a igualdade e a liberdade.
Grazas a todos e a todas. Por tanto.
Imagen utilizada: fotograma de 'La lengua de las mariposas' de José Luis Cuerda