José Freire
Seguridade e medios de comunicación
Non cabe a menor dúbida que a seguridade é basicamente un sentimento. E tamén o é a inseguridade. En consecuencia a inseguridade pode ter unha base obxectiva pero tamén subxectiva. ÿ precisamente nesta base subxectiva do sentimento onde os medios de comunicación teñen maiores posibilidades de exercer a súa influencia. Eu diría máis. Este tipo de inseguridade está permanentemente alimentada polos medios de comunicación, aínda que para ser xustos cabería dicir que por certos medios de comunicación.
Nas distintas sondaxes de opinión obsérvase unha falta de correspondencia entre o que expresan os enquisados sobre a súa propia percepción sobre a seguridade e os datos reais sobre a delincuencia.
Mentres os datos falan duns niveis de actividade delituosa a partir das infraccións denunciadas, os cidadáns senten e perciben a súa inseguridade de xeito absolutamente persoal, dende a súa propia experiencia que, na maioría de casos, se reduce á información que recibe a través dos medios de comunicación, ou ao coñecemento mais próximo polo contacto persoal coa vítima dalgún delito.
Non hai nada que alimente mellor unha crónica seriada para un medio de comunicación como a existencia dun asasino ou violador en serie ou a morte duns fillos polos seus pais. Velaí temos numerosos exemplos, acontecidos nos últimos tempos que encheron páxinas e páxinas de xornais e cuberto horas e horas de radio e televisión. Estes son uns feitos que atraen a xornalistas, investigadores sociais, psicólogos, e o propio público ávido de emocións fortes.
As noticias sobre estes feitos provocan un fenómeno de medo colectivo e de curiosidade morbosa. E todo iso porque a sociedade ten medo e iso fai que a difusión en forma seriada teña un forte impacto. Son o que os técnicos chaman "pánicos sociais" e que é un fenómeno non exclusivo do noso País, senón que ten lugar en todo o mundo.
Primeiro ponse sobre a mesa a existencia do medo da sociedade fronte ao delito e a atracción dos medios por dar información sobre a desviación moral.
Logo unha encarnizada batalla por gañar audiencias. A tendencia dos medios a alimentar as súas edicións de noticias sobre a violencia e o crime foi aumentando.
Os medios teñen unha responsabilidade e o exercicio do dereito e a liberdade de expresión debe contar con certas limitacións. A busca das audiencias a calquera prezo pode, en ocasións, causar sentimentos de certo pánico na poboación.
As imposicións do tempo mediático ditado pola propia natureza do medio, por exemplo a entrada dos programas en directo, propician en ocasións un tratamento xornalístico desafortunado, sen posibilidade de contrastar a noticia, sobre asuntos que poden ter certo impacto no sentimento de seguridade do cidadán e na opinión pública. Sen esquecer a competencia entre os medios e os profesionais manifestada no desexo de chegar antes que ninguén á noticia e cabalgala durante máis tempo.
ÿ preciso ter en conta que a seguridade como ben público non pode basearse unicamente no monopolio da acción institucional senón que require o compromiso e a corresponsabilidade de todos os actores sociais, medios de comunicación incluídos, loxicamente coas institucións á fronte.
O xornalismo precisa do abandono da posición de neutralidade na que, en moitos casos, se instala o informador. O público demanda xuízos de valor comprometidos coa verdade delincuencial. O informador debe ter a suma de imaxinación e de ciencias sociais, carácter investigador e análise dos datos.
Do que non cabe dúbida é que a prensa constitúe un vector moi importante no proceso de comprensión e percepción do fenómeno da violencia, a delincuencia e a desorde social por parte da sociedade.