Andaríns do Val do Lérez
Animais que están a desaparecer: Insectos
Despois de moitas saídas ao campo, visitas a lugares especiais, paseos, camiñadas polos ríos e montes, percorrendo o medio natural, bótanse en falta a eses pequenos animais que cando eramos cativos xurdían ao noso carón, xa estiveran na procura de comida, na busca de parellas ou simplemente intentando sobrevivir. Constatada esa falta que cada vez faise mais evidente, xurde a idea de facer esta pequena homenaxe, recordatorio... cada quen que escolla a expresión que mais lle praza.
Non hai moito tempo era frecuente atopar e observar estes animais sen buscalos apenas, pola contra os cativos de hoxe, case non os identifican mais que en algún libro ou guía de natureza, pero sen a posibilidade de podelos ter nas mans ou simplemente velos no seu entorno.
Esta claro que algo non se esta a facer ben cando estas fermosas especies desaparecen cada vez mais rápido do medio natural. A algúns, houbo xente que se dedicou a poñerlles "mala fama", sen valorar na súa xusta medida os beneficios que producían na natureza. E agora que son escasos, despois de acabar con eles, empezamos a darlle o valor que tiñan e a tratar de quitarlle esa "mala sona" adquirida.
Moitos deles son beneficiosos para a agricultura, resultando ser os mellores axentes biolóxicos que tiñamos de forma natural nos campos. Cando se fala de axentes biolóxicos referímonos a que por exemplo as xoaniñas son grandes comedoras de pulgóns, a barbantesa come moitos insectos, ou o vagalume regula a poboación de caracois. Isto era o que acontecía antes da chagada deses sulfatos tan tóxicos que se usan dende hai algún tempo ata hoxe. Escóitaslle a xente dicir que matan algúns insectos, pero coa mesma aparecen outros que nunca viran, e o primeiro en que pensan é en botar mais cantidade de produtos tóxicos na horta, matando tódolos animais que estean polas proximidades e o mesmo tempo metémoslle mais produtos químicos ás plantas destinadas ao consumo humano, produtos que fan que moitas das plantas perdan as defensas naturais e obrigan ao agricultor a botar cada vez maior cantidade de veleno para asegurar unha produción rendíbel. Non atinamos a pensar que a maioría das plantas necesitan deses insectos para axudar coa polinización, que simplemente todo o que se planta da froito e semente porque si, sen ningún tipo de axuda o igual que as arbores e plantas ventureiras que non cultivamos.
En moitos sitios donde se deron conta do erro, levan algún tempo facendo agricultura natural, que seria o nome que ten, e non o de "agricultura ecolóxica", utilizando estes insectos para acabar coas pragas e favorecer a polinización e por fin darlle a estas especies o valor real que teñen e se merecen, esperemos non sexa tarde tanto para estes animais como para outros que están a piques de desaparecer.
A ver si empezamos xa por fin a deixar de contarlle aos nenos esas historias que nos contaban as nosas avoas e nais, "que tal animal facía non sei que..., que aquel outro tiña veleno e que algún facía cousas raras...". Moitas desas lendas non teñen sentido e outras aparte de non seren reais esaxerábase respecto os males dos animais, iso si, sempre coñecían a alguén que lle fixera dano algunha desas especies "perseguidas" e cando lle preguntabas a persoa en cuestión terminaba contando outra cousa distinta.
Cando coñeces a xente que traballa e estuda os animais, e ves que os collen na man e móstranos, e lle contas estes contos, sempre din o mesmo, que non teñen razón, ou simplemente están errados ou esaxerados e sen fundamento científico ningún.
Por todo isto respectemos a todos os seres vivos cos que compartimos o medio natural, que de seguro axudarannos mais do que nos danan.
*Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.