Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 15ª xornada
Xornada de certa tranquilidade no que se refire a sorpresas nos marcadores. Comezou nun partido de rivalidade e con circunstancias curiosas, enfrontábanse primeiro contra último, e a pesar de ser un derby o débil non tivo nunca opción. Ao final un Rácing de Ferrol intratable non tivo piedade dos seus veciños e fíxolle un 1-4 sen despeitearse, co que confirma a súa absoluta superioridade sobre o resto e xa marca unha diferenza de 12 puntos sobre os seus inmediatos perseguidores, o que practicamente lle asegura o liderado ao termo da primeira volta.
Que dicir dos seus rivais que optan ás primeiras posicións, pois que se enfrontaban no partido máis atractivo desta xornada, en Barreiro, e cando parecía que os olívicos se levaban os tres puntos, nun abrir e pechar de ollos os de Fredi, con Joselu novamente determinante, déronlle a volta ao marcador e xa se colocan segundos.
O partido non apto para cardíacos disputouse no Salvador Otero, un duelo de rivalidade xogado con moito respecto, onde foi mellor o Villalonga, que se adiantou con gol de Pedro Martínez e, ao igual que o sucedido en Barreiro, no tramo final penalti a favor dos locais que logran empatar por medio do seu especialista, Janeiro (leva transformados todos os que lanzou nos últimos anos). No desconto novo penalti, neste caso a favor dos visitantes, e coma se se tratase dun western do mesmo oeste, aparece en escena o outro especialista, Marc (ao igual que Janeiro levaba sen fallar varios anos un penalti) e, como non, transfórmao, pero cando os celestes celebran o gol, aparece a figura do árbitro e di que hai que repetilo por invadir a área antes de tempo varios xogadores do Villalonga; suspense e, neste caso, Vila acerta e lle para o lanzamento, evitando así saír derrotados por sexta xornada consecutiva.
Polo demais comentar as importantes vitorias do Bergantiños para saír do pozo da clasificación, e a do Cerceda, que non podía permitirse volver fallar.
Por último salientar a remontada do Pontevedra en Pasarón, ante un Dorneda que demostrou o por que no último mes levaba unha traxectoria magnifica e nunca lle virou as costas ao partido. Significar que o gol que lle outorgou os tres puntos aos locais foi conseguido por Richi, de cabeza á saída dun córner.
A próxima xornada ten partidos adiantados ao xoves, que son o Betanzos-Céltiga, Alondras-Cerceda e As Pontes-Bergantiños, continúa o sábado co partido da xornada, Rácing de Ferrol-Pontevedra e o resto, como é habitual, na tarde do domingo.
REXIONAL PREFERENTE
Nesta categoría, a diferenza da terceira división, xa se están a abrir diferenzas no grupo de cabeza e son menos equipos os que opositan ao ascenso.
De entrada freada ao líder, ante un Ribadumia que esta vez demostrou estar feito para grandes xestas. Chama á súa vez a atención a debilidade defensiva que ten o Areas, como o confirma que nos seus dous últimos partidos recibisen sete goles, demasiados goles para un equipo que aspira a subir de categoría.
Atención ao Portonovo que sen facer ruído está a asomarse cada día máis ao grupo dos principais.
Importante o punto conseguido polo Marín na súa saída ao Grove, co que suma dous partidos sen perder e ademais o fixo en inferioridade. Pena quédalle a Lodeiro por encaixar o gol do empate no desconto.
Preocupante a derrota do Pontevedra B na súa saída a terras do Deza. Non só veuse de baleiro ante un rival directo, se non que perde os seus dous centrais para recibir o líder na Xunqueira, ao ter sido expulsados.
E en referencia ao partido da xornada, empate que confirma as dificultades que ten o Valladares para sacar os seus partidos adiante cando o fai de local (unha soa vitoria).
Como partido destacado para a próxima xornada eliximos o Ribadumia-Choco. As razóns son comprobar se esa vitoria diante do líder se confirma ante un Choco que, ao igual que o Portonovo, vén moi forte e coa intención de manterse nesa zona nobre da categoría.