José Freire
Un policía
Recoñezo que non é habitual ver como un membro dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, neste caso un policía, se atreve a aceptala proposta dun xornal de dar opinión sobre o que sucede na sociedade. Aparte de non ser habitual, resultaralle estraño ao lector que se preguntará qué valor poder ter a opinión dun simple policía que, nin tan sequera, forma parte da cadea de mando do Corpo policial.
Pido desculpas por ese atrevemento, pero non me podía negar ao ofrecemento feito por tantos amigos que puxeron en marcha este fermoso proxecto que supón Pontevedra Viva. Espero que non se arrepintan de habelo feito.
Sen esquecer a miña condición de policía, imprime carácter como os sacramentos, ineludiblemente as miñas opinións estarán marcadas pola faceta de representante da Organización sindical maioritaria no seo do Corpo Nacional de Policía, Sindicato Unificado de Policía (S.U.P.).
Aproveitarei esta publicación dixital como un termómetro, un instrumento de denuncias, unha forma de expresión das inxustizas, irregularidades, erros e acertos da Policía y de calquera persoa que teña relevancia social, dun xeito especial daqueles casos de corrupción, sexa quen sexa o corrupto. As persoas decentes deben merecer o noso respecto e tódolos corruptos o noso desprezo.
Pertenzo a unha organización independente, profesional e plural. Os nosos estatutos sinalan que defendemos unha policía civil ao servizo da comunidade, sobre os cimentos xurídicos que establecen a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a Constitución Española e os principios básicos de actuación da Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
No S.U.P. nunca lle preguntamos a ninguén pola súa ideoloxía política; nos é indiferente que un político, un cidadá ou un policía sexan de dereitas, de esquerdas ou mediopendionistas, xa que a rapadoira que debemos usar para medir é a honradez e a decencia fronte ao delincuente e o corrupto.
Ser policía nesta sociedade pasa inevitablemente por defendelas leis e a Constitución, que é precisamente onde se consagran estes principios.
Amig@s de Pontevedra Viva, sorte na nova andaina.