Beatriz Suárez-Vence Castro
Heroes cotiáns. Os taxistas e o paxariño
Para atopar heroes non fai falla botar man das lendas. Moitos están entre nos. Habitan as mesmas rúas. Os heroes cotiáns non teñen superpoderes. Son coma nos pero están sempre máis atentos o que sucede ó seu redor e, no canto de velo como algo alleo, séntense parte del. Manteñen sempre a vista ó fronte e non simulan non ver aquilo que lles pode complicar o día. Van ó seu pero axudan a todos. Oen coma os demais pero ademais escoitan. Pensan coma nós pero actúan cando cómpre. Non son superhumanos. Son humanos que manteñen a súa humanidade intacta e fan uso dela. Aproveitan a vida, no seu propio proveito e no dos demais.
O día componse de actos pequenos, que non pensamos que teñan transcendencia pero son eses actos pequenos e a maneira en que os facemos os que van conformando a xornada. A persoa que te cede o paso para que te incorpores o tránsito, aquilo que advirte o aturullamento dun turista mapa en man, e se acerca para indicarlle o camiño. Quen recolle algo que ti nin sabías que deixaras atrás e avísate para que non o perdas. A amabilidade é o instinto que temos esquecido e que os heroes cotiáns nos lembran.
As veces temos a sensación de que non sucede nada extraordinario, de que os nosos días son sempre iguais, que a xente que temos ó redor fai sempre o mesmo. Coma se fósemos bonecos que formásemos parte dun decorado. Ata que alguén coma facía a fada con Pinocho dálle vida a madeira e comprendemos que somos humanos.
Un deses pequenos miragres que nos devolven a fe na nosa condición sucedeu a semana pasada na parada de taxis de Daniel de la Sota, na nosa vila. Teñen os taxistas una capacidade grande de observación desenrolada por mor de tantas horas ao carón das beirarrúas. De todo o que poden ver dende a súa oficina rodante.
Nunha tarde que semellaba como tantas outras estaban dous de estes traballadores esperando a chegada de clientes cando un deles reparou nun paxariño moi pequeno que non semellaba ser de ningunha das especies que de xeito habitual atopamos voando ceibes. Acostumados estamos xa a ver as loitas entre pombas e gaivotas e tamén o proveito que delas sacan os pardais, facendo bo o dito: "No río avolto, cóllense os peixes". Acercouse entón o home para velo de máis preto e comprobou que era un canario aínda moi novo, que seguramente alguén espantara da súa gaiola e chimpara na rúa.
Tentou collelo pero non estaba afeito a estas improvisadas labores de rescate. Aínda así non desistiu. Vendo o compañeiro os esforzos que facía en balde botoulle unha man e conseguiu atrapar o paxariño. Acadaron coa axuda dun establecemento próximo un recipiente para aloxalo e darlle un pouco de auga. Xa que os canarios non poden sobrevivir sós nas cidades e este xa tivera aventuras dabondo decidiron que o seu primeiro rescatador ía ser tamén o seu novo dono e ao acabar a súa quenda de traballo levouno con el a casa.
Non é a primeira vez que xurde esta amizade espontánea entre animais e taxistas. Lembro que xa hai bastantes anos apareceu pola estación de autobuses un can de palleiro ao que alguén obrigou a baixar dun coche calquera. Estaba san pero moi canso. Entre todos acordaron que podían deixarlle coma refuxio unha antiga cabina de teléfono fora de uso e proporcionáronlle bebida e alimento. O Morito, que así foi como o "bautizaron" amosaba o seu agradecemento entretendo os traballadores nas esperas entre un pasaxeiro e outro e avisando das visitas que ó seu avezado ollo de can gardador puidesen supoñer algún perigo. Alí pasou O Morito o resto da súa vida. Como mascota benquerida e traballador fiel no seu posto de garda.
Pero non só cos animais amosan os nosos taxistas o seu valor urbano. Cantas veces arriscaron o pescozo defendendo o seu e acabaron malparados e cantas veces axudaron a máis de un ou outra a atopar a súa casa despois dunha noite de troula.
Non son bos tempos para eles. As vantaxes que nalgúns puntos de Pontevedra teñen as zonas peonís supoñen para eles, noutros puntos, unha pista de obstáculos ou unha carreira meirande da desexada que ademais de baleirar o depósito da gasolina supón dar unha explicación a algún cliente ofendido que pensa que escolleu o percorrido máis longo para poder levar ao peto algúns euros de máis.
Son, salvando excepcións como hai en todos os gremios, xente nobre e traballadora, atenta no seu trato ó cliente, nesa atención o público que tan positiva ten que ser nas vilas que tratan coa xente que as habita e co peregrino. Forman parte da nosa paisaxe urbana e son moitas veces gardiáns silenciosos do noso, do de todos.
A primeira liña de fogo foi sempre lugar axeitado para forxar heroes cotiáns.