José Freire
Lembranzas peregrinas
Non me volvín tolo. Estou perfectamente, en tódolos meus cabais, mellor que nunca. Non o soñei. Os recordos da acción macabra e mortífera da banda terrorista ETA, que grazas ao traballo e sacrificio dos que formamos parte dos corpos e forzas de seguridade empeza a ser historia, voaron estes días pola nosa Cidade coincidindo co inicio das festas da Peregrina. Se ben é certo que, o pasado sábado, na Praza de España (que paradoxo) non estiveron nin o Bolinaga, Josu Ternera, De Juana ou Mendizabal Plazaola, non o é menos que a súa ideoloxía resoou na Cidade coas letras das cancións dunha banda denominada Soziedad Alkoholika.
Senón dígame, estimado lector, que lle parece isto: "Y que te haga volar/como a Carrero, como a Carrero/ay que jodido es ser madero". O "huele a esclavo de la ley, zipayo, siervo/del rey, lameculos del poder/carroñero coronel./ ¡explota cerdo! Dejarás de molestar,/¡explota txota! Sucia rata morirás". Ou tamén aquilo de: "Es que la paranoia en tú cabeza es tal ke krees que todos te quieren matar, ¡tú tío, ten cuidado! No hagas gestos raros mira que sako el fusko y te vuelo el cráneo!".
E isto, dígao quen o diga, se non é ameaza que é. Se aínda non vomitou está a tempo. Quen non o fixo foi a Concelleira encargada dos festexos. Porque a estas alturas da película non trago que non coñecese o que canta esta banda. Tampouco me vale o da liberdade de expresión. Por suposto que teñen todo o dereito a expresarse como queiran, aínda que teño as miñas serias dúbidas de que isto non sexa apoloxía do terrorismo, aínda que o diga a Audiencia Nacional. Por suposto que respecto as súas decisións, faltaría máis. Pero somos moitos cidadáns os que non compartimos a opinión de que estas expresións non inciten á violencia e ao asasinato. Así o fixeron ao longo de moitos anos.
Pero máis ben parece que nos encamiñamos a unha situación na que, os que durante 40 anos estiveron a matar, van saír vitoriosos das súas "fazañas" e as súas vítimas co rabo entre as pernas. A este tipo de chusma tocoume aguantala a finais dos anos 70.
Escoitabamos as súas ameazas e aos poucos días as cumprían.
Tiven que asistir a moitos enterros de policías, gardas civís e militares, asasinados polos ídolos dos que actuaron este sábado en Pontevedra. E agora, pola incompetencia e a falta de dignidade dos políticos municipais, teño que volver escoitar as mesmas ameazas e os mesmos insultos que hai 38 anos.
Se lle son sincero, o que digan a estas alturas estes Alkoholicos dácheme o mesmo. O que me indigna é que un goberno municipal que pon o grito no ceo porque o Día das Letras Galegas se vai dedicar o próximo ano ao Profesor Filgueira Valverde, pola súa suposta "afinidade" co franquismo, ou que se mostre contrario ao sacrificio dos animais nas prazas de touros, contrate a unha banda musical, nin mais nin menos que para abrilas festas, que destila odio e que ameaza e vexa as vítimas do terrorismo, enaltecendo os verdugos.
E o que resulta máis noxento, pagándoo co diñeiro de tódolos pontevedreses.
¡Que pouco lle importan as vítimas!. ¡Como se nota que non o sufriron nas súas carnes!