Ramiro Espiño
Eugenio Giráldez, compañeiro, amigo e mestre
Non o entendo...Puta crise que non respecta nin os mellores. Apágase unha voz, a voz, que nos conduciu pola actualidade pontevedresa ao longo de máis de 30 anos. Apágase ou apágana. Din que por cuestións económicas por cobrar moito, ou por ser o mellor?. Xeralmente ambas as dúas cousas adoitan ir unidas, pero de Eugenio Giráldez, amigo, compañeiro e mestre, destacaría especialmente a súa valía profesional e persoal.
Non o entendo, de verdade. Escribo estas liñas aínda en estado de shock. Non remato de creélo. Resístome a pensar que a partir de hoxe, cando acenda a radio, "a nosa radio" pola mañá, no dial de Radio Pontevedra non soe a voz grave, ben timbrada, de Eugenio, informando da actualidade do noso ámbito.
Cando hai 30 anos o que isto escribe recibe a oferta de incorporarse á redacción de deportes de Radio Pontevedra, alí encontreime por primeira vez con Eugenio Giráldez. Acababa de chegar. Era (eramos) apenas uns raparigos con moito que aprender, pero con todas as ganas de comer o mundo. Compartía micrófono con outro monstro da comunicación local e rexional como Javier Sánchez de Dios, que marabilloso tandem formaban! e eu mirábaos a medio camiño entre admirado e feliz de poder sentarme ao seu lado nun estudo radiofónico.
Eran momentos difíciles. Puxérase en marcha un proxecto radiofónico novo, a cadea Radio Noroeste, que realizara unha especie de "opa" hostil a Radio Pontevedra, levándose boa parte do elenco de redactores e locutores da casa, dos que conformaban "cabeza de cartel". Fóranse Pedro Pablo Gutiérrez, José Durán, pouco despois o propio Sánchez de Dios e algún outro. Había que reconstruír o equipo e fíxose.
Un grupo de "pipiolos" radiofónicos, con Eugenio á cabeza, empezamos a traballar. Impuxémonos como meta demostrar que podiamos facelo, e sinceramente, creo que o conseguimos. Corría o ano 1983. En pouco máis de tres anos Raio Pontevedra conseguía un fito histórico, o Premio Ondas 1986, aos seus servizos informativos, dirixidos por Eugenio Giráldez, por un programa especial eleccións que comezou ás 7 da mañá e rematou case 24 horas despois. Nese programa participamos practicamente todo o persoal da emisora, pero a idea, o desenvolvemento, e a posta en escena, partiu dun xornalista como Eugenio Giráldez, que soubo arrastrarnos a todos unha especie de feliz loucura.
Radio Pontevedra alcanzaba cifras de audiencia que nunca máis se repetirían, superando os 200.000 oíntes/día, con menos frecuencias no dial que agora mesmo.
Logo virían máis distincións e novos retos como o de Localia Televisión. Tamén aquí, con Eugenio á cabeza, creo que se conseguiu o difícil obxectivo de facer unha televisión local digna. Claro que Eugenio e todos os que o acompañamos na marabillosa aventura profesional, só podiamos facer periodismo. Aprendemos con el cada día, pero nin del nin de nós dependía nada máis que informar. E fixémolo, mesmo nos peores momentos, cando empezaron a chegar os recortes. Fixémolo por profesionalidade e tamén polo pulo que sempre intentou transmitir ao seu equipo.
Dende onte, martes (maldito martes), Eugenio xa non seguirá informándonos. A súa voz non será a referencia informativa-radiofónica da cidade. Nada será igual. Os micrófonos de Radio Pontevedra perden á súa estrela indiscutible dos últimos 30 anos, e os oíntes perden ao mellor xornalista radiofónico que houbo nesta cidade en moito tempo. Nós, os seus amigos, perdemos unha referencia, pero quedamos co máis importante: a súa amizade e as súas ensinanzas durante tanto tempo.
O peor de todo, o que de verdade me fode, é que polo que é, polo que foi, merecía outra saída, porque máis de 30 anos, case toda unha vida, ben a merecen ou non?.
Eugenio, compañeiro, amigo, mestre. Grazas por todo e un forte abrazo. Neste momento sento de verdade non saber xogar ao golf para compartir 18 buratos contigo e seguir aprendendo.
05-12-2012