Francisco Freire Vila
Aplicación acelerada e caótica da LOMCE
En decembro de 2013 publicouse a LOMCE e a partir de aí os gobernos autonómicos tiñan que desenvolver os currículos primeiro en decretos que explicasen o que hai que facer e logo en ordes para organizar o novo curso. Galicia publicou o decreto o día 9 de setembro, xusto o día anterior ao comezo das clases e publicou o mes pasado a orde para a aplicación curricular de 1º, 3º e 5º de primaria. Polo tanto, a LOMCE comeza sen tempo para que o profesorado poida facer as programacións cos cambios da nova lei e cunha chea de dúbidas na organización dos centros, no profesorado e nas familias.
Este apuro por implantar a LOMCE a oito meses de ser aprobada, lembremos que a LOE implantouse dous cursos despois de ser aprobada, trae consigo non só o caos senón que xenera tantas dúbidas na súa aplicación que ata os mesmos técnicos non as saben aclarar e obriga aos centros que teñan que actuar no límite da lei. Así, como un centro vai conxugar o horario das clases, do profesorado e do recreo se as clases de 1º, 3º e 5º (LOMCE) son de 45 minutos e as de 2º, 4º e 6º (LOE) son de 60 minutos?
Incluso vanse dar situacións irrisorias, por exemplo, nun centro do rural que teña agrupado na mesma aula o alumnado de 3º e 4º: aos de 3º (LOMCE) o mestre/a ten que darlles 3 horas de sociais e 2 horas de naturais e aos de 4º (LOE) 4 horas de coñecemento do medio. Pero non só iso, o docente tería que aplicar na mesma aula obxectivos, metodoloxías, contidos... diferentes, unha tolería! Unha solución podería ser o desdobre pero iso supón a contratación de máis profesorado e isto é contrario ás políticas de recortes que se veñen aplicando, tamén en educación.
A nova avaliación en 3º (o curso que vén tamén en 6º), a desaparición dos ciclos, a introdución da nova materia valores sociais e cívicos, entre outros aspectos, levantan tamén incertezas que non fan honra á calidade educativa.
E de fondo, a polémica sobre os libros de texto que a maioría dos centros optaron por non cambialos por estaren aínda en vigor e, polo tanto, non se adaptan á nova lei. Ou sobre as axudas da Xunta que este ano exclúen o material escolar e que, sen dúbida, vai prexudicar ás familias máis desfavorecidas.
En fin, tal e como recolle a propia LOMCE: Os valores sociais e cívicos resultan fundamentais na nosa sociedade, para que as persoas poidan exercer a cidadanía democrática e participar plenamente na vida cívica e social. ÿ un bo momento para que os adultos os poñamos en práctica.