Modesto Martínez Pillado
Cos cinco sentidos: Tacto
CREMATORIOS
Parece que case se toca. Non menos de tres funerarias queren instalar un crematorio en Pontevedra. Que pasou para este interese crematístico?. Cando se ten unha visión en escopeta considérase que a competencia é mellor que a colaboración.
Alguén se parou a contar os salóns de peiteado que hai en Pontevedra?. Da mesma forma que o concello declara determinadas zonas como saturadas de bares, habería que declarar algunhas zonas de Pontevedra saturadas de salóns de peiteado. En cada esquina aparece unha que en breve deixará o seu sitio a outra máis. Así desapareceu unha detrás do Sánchez Cantón e aparece outra en José Filgueira. Como é posible que ninguén trate de constituír un novo modelo de servizo de peiteado?. Xa sexa unha cooperativa ou quizais unha nova sociedade anónima. Leva consigo negociar e por iso, ceder; obriga a cooperar e por iso, acordar; obriga a liderados e por iso, a outros papeis secundarios. Se se busca o máximo beneficio en lugar de rótulos de neon, pódese pensar en gañar máis diñeiro con menos esforzo. Para arrancar abondaría pensar nunha central de compras ou en constituír unha escola profesional de formación excelente.
Outro tanto acontece coas panadarías. Prima o nome no rótulo á visión de negocio. Repítese o mesmo modelo cunha visión local, sen aspirar a maximizar os beneficios. Mentres outros están con pans de mil sabores e texturas, con conservación para máis dun día, as panadarías aspiran como máximo a ter unha cafetaría e baixos soldos para supostamente rendibilizar o investimento.
Os crematorios son outra historia similar ás panadarías e salóns de peiteado. Apenas noventa mil habitantes na cidade pero antóllanse que tres é mellor que un. Ademais de saturados de bares, por decreto, de salóns de peiteado e panadarías, en breve, estaremos saturados de crematorios. Non haberá caixa para tanto lume. De ningún a tres. Aínda que ben pensado, podían especializarse. Un no rito hindú, outro no budista, ou talvez, a un quéimano con bambú, a outro con cánabo, ou quizais, na sofisticación, un crematorio en lugar de fume, bota á atmosfera Chanel número 5.
Novamente o mesmo mantra: mellor competir que pensar no negocio. Será algo atávico e polo tanto sen remedio. Vainos o individual a custa de perder todos. Mellor a pelexa que gañar todos. Estas aventuras, non obstante, remátannos custando diñeiro, empezando polas subvencións a proxectos de dubidosa eficacia (falamos de novos hoteis?). ÿ un sarcasmo que tivese sido o colexio de arquitectos que vendese a parcela a unha funeraria. A decisión de prohibir a instalación de crematorios custaranos diñeiro a todos como sucedeu con bancos (21% do PIB¡¡), avións (enchémoslles os depósitos) e outras empresas (minarías) supostamente privadas, iso si, só para repartir as súas ganancias. Para as súas perdas xa estamos nós, salvo que nos pasasen por algún deses crematorios porque queimados queimados, xa abondan.
06.12.2012