Pedro Ferreira
Libre directo
Os adestradores teñen por norma non falar máis alá da próxima semana, os afeccionados queren sempre chegar máis lonxe nos seus comentarios. Nesta columna analizaremos o sucedido na última xornada ademais de intentar facer de adiviños na inmediata.
En terceira temos dous equipos que parecen embalados nas súas aspiracións á tan prezada primeira praza, que tanta vantaxe che outorga na fase de ascenso, estamos a falar do Rácing de Ferrol e Celta B. Na tempada 2011-2012 o líder nesta mesma xornada era o sorprendente Rácing, si, pero de Villalba, que unha vez finalizada a liga non rematou entre os catro primeiros.
Non obstante este ano o líder parece un líder sólido, e dígoo cos argumentos dun moi bo equipo e unha importante entidade, ademais da contundencia dos seus resultados. O outro equipo que lle inquieta no liderado é un filial apoiado nun equipo que conserva xogadores da tempada anterior na que militou na categoría superior e ao que aspira a retornar.
Os demais pois a animar a liga. Son máis ou menos os esperados; se cabe chama a atención das dificultades que está a ter a S.D. Compostela nos seus enfrontamentos. ÿ moi pronto para xogar a pitoniso, pero botando unha ollada á clasificación os favoritos asoman a cabeza aos postos que lle están reservados e os candidatos a loitar polo descenso pois máis do mesmo, dos cales dous deles por motivos diferentes auguran un futuro cheo de nuboeiros, estamos a referirnos ao Narón e Dorneda.
O noso partido da próxima xornada xogarase o sábado na Malata e quizais vai poñer a proba ese líder que ata agora leva pleno de puntos e que recibe o Deportivo B.
Digamos que isto se vai animando e este ano hai un xuíz que vai ditar sentenza o seu nome é ECONOMÍA.
En preferente, freada aos dous primeiros clasificados, se ben é certo que ante dous candidatos a loitar polo ascenso, Cultural Areas e Ribadumia, para moitos os dous mellores equipos da categoría. Sorprende que o Unión Grove, despois dun inicio cheo de dúbidas, obtivese tres vitorias seguidas que lle aúpan á sétima posición e coa moral que iso outorga para visitar o próximo domingo ao Portonovo, nun partido de rivalidade recordando outros tempos.
Preocupa a situación do Marín despois de caer derrotado ante o Arenteiro, rival directo na loita por manter a categoría. Complicado o panorama que se lle albisca a Lodeiro e os seus.
Estamos ante unha liga tola, onde non hai candidatos claros tanto para o ascenso coma para o descenso.